Os positivos diarios en Galicia baixan a 597, segunda cifra máis alta da pandemia

A área de Ourense repunta a 94 novos contaxios, pero como as de maior incidencia continúan Vigo con 121, A Coruña con 110 e Santiago con 103 
Un estudiante de la USC realizando una prueba serológica. EFE
photo_camera Un estudiante de la USC realizando una prueba serológica. EFE

Os positivos por covid-19 detectados en Galicia baixaron en case un centenar na última xornada e sitúanse nos 597 diarios, que con todo é a segunda cifra máis alta de toda a crise sanitaria, por detrás da deste sábado. A pesar do descenso en case todas as áreas sanitarias, a de Ourense e, en menor medida, a de Pontevedra son as que anotaron lixeiros repuntes. 

Segundo a actualización da web da Consellería de Sanidade con datos recollidos ata as 18,00 horas do venres, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco detectou en 24 horas un total de 94 infeccións por coronavirus, 11 máis que o día anterior. Así, aínda que encadea varios días nos que xa non é o epicentro da pandemia en Galicia, é a que máis aumentou este domingo. 

Pola súa banda, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés tamén subiu, pero só nunha, as PCR positivas diarias, até o total de 53. Esta cifra tamén a sitúa entre as que menos contaxios novos contabilizou. 

Deste xeito, no resto do territorio galego caeu a incidencia da pandemia, coa área de Vigo como epicentro, con 121 novas infeccións (-4 con respecto a un día antes); seguida da Coruña-Cee, con 110 (-25); e de Santiago-Barbanza, con 103 (-15). Tamén descenderon os casos de covid-19 diarios en Lugo-A Mariña-Monforte, a 64 (-20), e en Ferrol, a 52 (-38). 

En canto ás altas, nas últimas 24 horas se curaron 345 persoas, o que coloca o total desde o inicio da pandemia en 25.315. Ademais, a información achegada polas autoridades sanitarias eleva a 868 as mortes contabilizadas desde o inicio da emerxencia sanitaria, ao contabilizar na tarde deste domingo oito novos falecementos.

Así, a cifra de casos activos –persoas que aínda padecen a enfermidade– está este domingo no total de 6.431, un ascenso de 261 nun día. A área sanitaria que máis pacientes concentra aínda é a de Ourense, con 1.299, pero é a única que descende, nunha vintena. 

Seguen a esta a de Vigo, con 1.186 pacientes (+89); A Coruña-Cee, con 1.122 (+65); Santiago-Barbanza, con 1.089 (+42); Lugo-A Mariña-Monforte, onde hai 651 casos activos (+35); Pontevedra-O Salnés, 639 (+17); e Ferrol, con 445 (+33).

PCR REALIZADAS. Así mesmo, segundo os datos actualizados este domingo por Sanidade, até a data realizáronse en Galicia un total de 633.494 PCR, o que reflicte que en 24 horas se fixeron 8.490 probas, na contorna de días pasados. De todas elas, o 7,2% arroxou un resultado positivo, unha cifra aínda por enriba do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde. 

Todas as áreas sanitarias salvo a de Pontevedra (2,4%) exceden este limiar, pero a de Ferrol segue como a que máis destaca, cunha positividade do 12,6%. Tras esta, están Ourense (11,4%), Lugo (9,6%), A Coruña (7,7%), Santiago (7,3%) e Vigo (6,6%). 

Comentarios