Os positivos nas residencias galegas sitúanse en 425, entre usuarios e traballadores

Os centros para maiores de Outeiro de Rei e O Incio son os máis castigados polo coronavirus

Residencia de mayores DomusVi de Outeiro de Rei. SEBAS SENANDE
photo_camera A residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei, en Lugo, continúa como a máis afectada de Galicia polo covid-19. SEBAS SENANDE

Os usuarios de residencias infectados con covid-19 en Galicia aumentaron a 307, o que supón catro máis que este mércores, e a 118 os traballadores contaxiados –un máis–.

Segundo os datos actualizados este xoves pola Consellería de Política Social, detectáronse seis positivos entre usuarios da residencia das Salinas en Ourense e un traballador deste centro.

A eles súmanse dous positivos de senllos traballadores das residencias de maiores Adcor da Coruña e da de Santa María de Melón (Ourense).

Pola súa banda, un usuario da residencia de maiores de Castro Ribeiras de Lea en Castro de Rei recibiu resultado negativo, así como senllos empregados das residencias DomusVi Lalín e A Saleta, en Cea.

RESIDENCIAS CON MÁIS INTERNOS CONTAXIADOS. Deste xeito, a residencia galega con máis internos afectados é a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 131 positivos covid-19. A continuación, a residencia do Incio mantense con 58 maiores afectados e o fogar residencial O Piñeiral de Culleredo conta con 21. Estas son as tres residencias que ten intervidas a Xunta.

Mentres, a residencia Nosa Señora do Viso en Lobeira (Ourense), cun gromo, ten 46 infectados –tras aclarar Política Social que este mércores se contabilizou outro máis por erro– e a Ballesol de Oleiros (A Coruña), con outro gromo detectado, mantense con 30 contaxiados.

En canto ao resto dos centros con usuarios afectados, a residencia As Salinas, de Ourense, suma 14 casos activos; mentres que a Orpea Coruña de Culleredo e a DomusVi Lalín mantéñense con dúas. A eles súmase un usuario en cada unha das residencias de Arteixo, O Pilar e Os Pinos no municipio ourensán da Rúa.

TRABALLADORES INFECTADOS. Por outra banda, as residencias de maiores galegas rexistran 118 traballadores infectados, un máis que no anterior parte, tras ser detectados tres positivos máis e dous recibir xa resultado negativo por covid.

Os máis afectados son a residencia do Incio, con 35 empregados con PCR positiva, e a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, con 24. Ademais, hai sete traballadores contaxiados no fogar residencial O Piñeiral de Culleredo e catro na residencia As Salinas de Ourense.

A estes súmanse dous casos na residencia Ballesol de Oleiros, outros tantos no centro de Volta do Castro, en Santiago, igual que na residencia San Simón de Teo, a residencia Vitoria de Teo, a residencia Nosa Señora do Socorro de Arnoia, DoralResidencias de Mos, CRAPD Vigo I e Residencia Santa Marta de Vigo.

E rexistran un traballador afectado as seguintes residencias: Oleiros, Adcor na Coruña; DomusVi Lalín; DomusVi Noia; Porta do Camiño de Santiago; A Milagrosa de Lugo; San Bartolomeu de Xove; A nosa Señora da Saúde da Peroxa; DomusVi Barra de Miño de Coles; Santiago Apóstolo de Vilamarín; Fogar Residencial Vilar de Barrio; Residencia Campolongo; Bellavista Care de Nigrán; CRAPD Vigo II e residencia xeriátrica Albi-Beade.

PERSOAS CON DISCAPACIDADE. Os centros para persoas con discapacidade rexistran 25 usuarios contaxiados, o que supón un máis –na residencia de atención a persoa con dano cerebral da Cruz Vermella en Castro de Rei–, deles 24 na Residencia Ricardo Baró de Aspronaga en Oleiros e un na Residencia de Adultos Pai Menni de Betanzos, e 18 traballadores infectados.

En concreto de 18 traballadores infectados 13 casos corresponden á Residencia Ricardo Baró de Aspronaga de Oleiros, mentres que hai un en cada un dos seguintes centros: CAPD A Coruña, Juan Vidán Torres de Santiago; Residencia de atención a persoa con dano cerebral de Castro de Rei; Residencia de atención a persoas gravemente afectadas de parálises e dano cerebral da Cruz Vermella en Castro de Rei e na Residenca Chapela de Redondela.

Comentarios