PP e BNG afrontan o 12-X coas listas de abril, nas que PSOE e En Común fan cambios puntuais

Caballero quita das candidaturas o edil que participou nunha churrascada durante a pandemia 
Feijóo, Caballero, Pontón e Gómez-Reino. ARQUIVO
photo_camera Feijóo, Caballero, Pontón e Gómez-Reino. ARQUIVO

As principais forzas políticas afrontan as eleccións autonómicas do 12 de xullo cunhas listas que ou ben non varían con respecto ás da convocatoria de abril —cancelada polo coronavirus— ou recollen algúns cambios puntuais. Ese é o caso do PSdeG, Galicia En Común-Anova Mareas e Ciudadanos, mentras que PPdeG e BNG non fan variacións. Tamén se manteñen os cabezas de lista de Vox.

O único cambio nas filas socialistas é a saída da candidatura do edil de Betanzos sorprendido nunha churrascada en plena corentena, que ocupaba o número 15 pola Coruña. Tamén cae da lista o número 5 desa mesma provincia de En Común por motivos laborais —é carteiro e agora representante sindical— e Ciudadanos intercambia candidatos de posto e dá saída a algúns nomes. 

Á marxe destas modificacións, unha das principais novidades é a incorporación da nova En Marea, xunto con Compromiso e o Partido Galeguista, á carreira cara ás urnas, nas que figura o exdeputado Pancho Casal como candidato á presidencia da Xunta pola coalición Marea Galeguista

O DOG publicou este luns os cesamentos dos altos cargos da Xunta 

PPdeG

Non hai retoques nas listas do PPdeG, que lidera Alberto Núñez Feijóo como candidato á reelección por cuarta vez. Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns os cesamentos da ducia de altos cargos da Xunta que se incorporan ás listas electorais do PP galego, tal e como aprobou o Consello o pasado venres

Máis aló de Pontevedra, a provincia pola que se presenta Feijóo, os populares optaron por tres mulleres como cabezas de cartel para as outras tres provincias: a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, pola Coruña; a presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

PSdeG 

De cara á cita do 12 de xullo, o PSdeG deu por boas as listas xa presentadas, co único cambio do edil de Betanzos. O aspirante á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, que ocupará de novo o número uno da candidatura por Pontevedra, volve confiar en Pablo Arangüena para abrir a da Coruña, Patricia Otero en Lugo e Marina Ortega en Ourense. 

BNG 

Tampouco hai cambios con respecto a abril nas candidaturas do BNG, cuxa candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, preséntase como número 1 da provincia da Coruña. En Lugo encabeza a lista a tamén deputada nesta lexislatura Olalla Rodil, mentres que en Ourense faino Noa Presas e en Pontevedra Luís Bará.

Unha das principais novidades das listas presentadas hai xa uns meses fora a incorporación da exdeputada no Congreso coa coalición En Marea Alexandra Fernández, agora número tres por Pontevedra. 

En Común

A coalición Galicia En Común-Anova Mareas reedita, ademais da alianza, as listas coas que acudía á cita de abril coa excepción apuntada do número cinco da candidatura pola Coruña, que ocupaba Xan Xove e agora é para Inés Cebreiro. Deste xeito, a coalición de Podemos, Esquerda Unida, Anova, e na que participan as mareas de Santiago (Compostela Aberta) e A Coruña (Marea Atlántica), preséntase ante o electorado encabezada de novo polo parlamentario no Congreso Antón Gómez-Reino. A coordinadora nacional de EU, Eva Solla, lidera a lista por Pontevedra; o exdeputado no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello (Anova) abre a de Lugo, e David Bruzos a de Ourense.

Cs introduce novidades puntuais nas candidaturas

Ciudadanos

Os laranxas manteñen os cabezas de lista das catro provincias. A de Pontevedra, Beatriz Pino, é a súa candidata á presidencia da Xunta. José Araújo encabeza a de Ourense, María del Carmen Mahía a da Coruña e José Ángel Gómez Fernánez a de Lugo. 

Fontes de Ciudadanos indicaron, non obstante, que se fixeron cambios puntuais nas candidaturas, salvo na de Ourense, que atribúen a motivos "persoais". Nalgúns casos son intercambios de postos nas candidaturas e, noutros, a saída dalgún nome.

Vox

Fontes do partido que lidera Santiago Abascal confirmaron a Europa Press que manteñen os cabezas de lista que o DOG publicara para a convocatoria do 5-A. Pola Coruña é Ricardo Morado Farjado; en Lugo Sonia Teijeiro; en Ourense María Jesús Fernández, e en Pontevedra Antonio Ramilo Rodríguez

Comentarios