O PP estende á Coruña a denuncia de contratos a achegados de Compostela Aberta

Ferreiro tacha de "ciencia ficción" as acusacións: "Se se adxudicaron foi porque gañaron procedementos de concorrencia ou porque se daban as condicións técnicas"

Martiño Noriega y Xulio Ferreiro. AEP
photo_camera Martiño Noriega e Xulio Ferreiro. AEP

A portavoz do grupo municipal do PP na Coruña, Rosa Gallego, vinculou unha ducia de contratos do Concello a persoas próximas ao goberno local de Santiago, despois de que os populares fixesen o mesmo este martes atribuíndo 16 contratos do consistorio compostelán. Mentres, o alcalde herculino, Xulio Ferreiro, cualificou de ciencia "ficción" estas afirmacións. 

Nunha rolda de prensa sobre os orzamentos para este ano, e en alusión á denuncia do PP de Santiago –que vinculou 16 contratos con achegados do alcalde desta cidade e dúas concelleiras–, Rosa Gallego afirmou que estes feitos se repiten" na Coruña. 

"Empresas destapadas en Santiago tamén foron contratadas por Xulio Ferreiro", manifestou sobre o rexedor coruñés. En concreto, indicou que localizaron "ata doce contratos, por máis de 25.000 euros a dúas empresas", en alusión a 7H Sociedade Cooperativa Galega e Apiario. 

No caso da primeira, o PP de Santiago vincúlaa á concelleira Noa Morales porque nun dos programas contratados participou a súa irmá, segundo denunciou esta formación.

Con todo, a cooperativa, consultada por este medio, asegura que Morales "formou parte do proxecto cooperativo desde o 24 de decembro do 2015 até o 4 de xaneiro do 2017". Ademais, insisten en que o único traballo que realizaron en 2016 co Concello de Santiago "foi a través dunha subvención recibida en réxime de concorrencia competitiva polo proxecto Mutacións Urbanas". 

"7H Cooperativa Cultural resultou seleccionada e beneficiaria nun 50% do importe solicitado, resultado polo cal o Concello achegou ao proxecto o 40% do
seu orzamento, sendo o 60% restante financiado con fondos de carácter persoal", engaden.

En relación aos 14 contratos sinalados polo PP, aseguran que doce son "posteriores á marcha de Io Morales da cooperativa" e os outros dous "anteriores á súa incorporación", dos cales un non se chegou a realizar.

Da segunda, unha editorial, o PP de Santiago apuntou á adxudicación dun contrato á socia da parella do rexedor, xunto a outra quincena de poetas. Sobre esta denuncia, Martiño Noriega rexeitou que a súa parella traballase para o concello.

"AMIGUISMO", PARA O PP CORUÑÉS. No caso dos contratos na Coruña, Rosa Gallego manifestou que non lles sorprende o que considerou como "unha práctica de amiguismo". "Niso si son expertos, recorrer aos contratos menores para beneficiar aos seus amigos e aos amigos das súas amigas". 

"Xa o fixeron co cárcere e cos pisiños", dixo sobre a adxudicación de usos sociais na antiga prisión provincial a Proxecto Cárcere ou o programa de vivendas sociais, dos que o Consello Consultivo anulou a compra de varios pisos.

Ferreiro: "Unha denuncia de ciencia ficción"
Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afirmou descoñecer a que se refería a denuncia dos populares coruñeses. Respecto diso, insistiu en que no consistorio se contratase "por centos de empresas todos os anos".  "Pero en ningún caso se contrata á empresa de ninguén porque o seu curmán segundo sexa curmán dun amigo de alguén do concello da 20 quilómetros de aquí", replicou. 

Por iso, tachou de "ciencia ficción" a denuncia do PP, formación á que acusou "intentar crear a sensación de que todos somos igual". 

"Os da Pokemon e os Jaguar nos garaxes, véñennos a dar leccións de ética cando as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado din que as campañas electorais do PP en Madrid financiáronse con diñeiro ilegal". 

Sobre a denuncia do PP, Ferreiro argumentou tamén que o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, "respondeu moi ben" á mesma, despois de que negase calquera vinculación da súa parella con contratos do consistorio e non descartase, no ámbito persoal, iniciar accións xudiciais fronte a este "xogo infame". 

En todo caso, o rexedor coruñés insistiu en que, se as empresas ás que aludiu o PP da Coruña recibiron algún tipo de contrato –algo que asegurou descoñecer–, sería "porque gañaron procedementos de concorrencia ou porque se daban as condicións técnicas". 

Comentarios