O PP querelarase contra Caballero se non informa sobre O Marisquiño

Os populares esixen ter acceso aos informes sobre o derrubamento da pasarela durante o festival

Elena Muñoz. DAVID FREIRE
photo_camera Elena Muñoz. DAVID FREIRE

A portavoz do grupo municipal do PP, Elena Muñoz, anunciou este xoves que o PP presentará unha querela contra o alcalde de Vigo, Abel Caballero, se o Goberno municipal non lle facilita a información relacionada coa organización do Festival O Marisquiño antes do martes ás 14:00 horas.

"Será por prevaricación e por negación de acceso á información, e será por vía penal", incidiu Muñoz.

"Solicitamos que ese expediente se poña a disposición no día de hoxe. Imos esperar ata as 14:00 da tarde e se isto non sucede, daremos un prazo de tres días antes de presentar a querela", asegurou Muñoz.

"O alcalde está a impedir que teñamos acceso a unha información que por lei temos dereito como representantes públicos dos cidadáns", profundou a portavoz popular.

Elena Muñoz asegura que os estiveron mareando dun departamento a outro sen conseguir a información do festival que veñen reclamando desde a semana pasada

 

Elena Muñoz asegurou que os estiveron mareando ao longo da xornada deste xoves dun departamento a outro sen conseguir a información do festival que veñen reclamando desde a semana pasada.

"Aínda quedan moitas preguntas por resolver e a transparencia do concello é este caso é cero. Imos chegar ata o final", finalizou a portavoz popular.

O portavoz do Grupo municipal do PSOE, Carlos Font, non tardou en contestar a esta ameaza dos populares e asegurou que "o único que fai o PP de Vigo é montar barullo".

Font acusou aos populares de estar sempre destruíndo e non construíndo. "Están ás ordes de Feijóo", dixo.

O socialista tamén asegurou que o Parlamento de Galicia ten 30 días para contestar asuntos similares e "en moitas ocasións tardan máis".

Comentarios