O PP ve desacreditado a Villares tras o caso Quinteiro: "Non hai ninguén ao volante en En Marea"

O secretario xeral do PPdeG acusa o xuíz lucense de carecer "de liderado" 

Miguel Tellado. AEP
photo_camera Miguel Tellado. AEP

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, sostivo este martes que a situación interna de En Marea desacredita á formación como primeira forza da oposición en Galicia e evidencia que o PPdeG respecta máis ao portavoz de En Marea, Luís Villares, do que o fan os seus propios compañeiros de filas.

Tellado, en declaracións aos medios no Parlamento galego, referiuse así á decisión do grupo parlamentario de En Marea de abrir un "expediente informativo" para dilucidar o motivo polo que o Consello das Mareas, que lidera Luís Villares, pediu a dimisión de Paula Quinteiro polo seu incidente coa Policía.

Acúsao de carecer de liderado, o que cre que demostra que Villares é máis respectado no PPdeG que dentro do seo de En Marea e, neste sentido, Tellado fixo referencia a un vídeo no que inscritos na súa formación chegan a insultar ao portavoz parlamentario de En Marea.

Ademais, o número dous do PPdeG sinalou que é o propio alcalde de Santiago, Martiño Noriega, a persoa que está "detrás da estratexia de debilitar ao portavoz parlamentario de En Marea", posto que varias persoas das que atacan a Villares son integrantes de Compostela Aberta.

Todo iso demostra, para Tellado, que o maxistrado en excedencia "debería pensar en abandonar unha política na que a súa voz non conta e a súa palabra non ten peso".

Sobre as tensións internas dentro de En Marea, o secretario xeral do PPdeG reiterou que a situación se trata da "crónica dun grupo mixto anunciado" e a mostra de que os seus deputados "viven unha situación de colapso interno e contradición pura" que non os leva "a ningunha parte".

Ao seu xuízo, con este comportamento, "as Mareas de Podemos quedan perfectamente desacreditadas para o labor de oposición no Parlamento practicando unha política que debe quedar desterrada como a do 'vostede non sabe con quen está a falar'" e que, con todo, no grupo de Quinteiro apoian, demostrando, segundo el, que "non hai ninguén ao volante" na formación rupturista.

Comentarios