O PP de Vigo pide abrir un expediente informativo a Audasa polos atascos en Rande

Elena Muñoz mostrouse partidaria de que se devolva a peaxe aos usuarios afectados polos colapsos da pasada fin de semana

Puente de Rande. RAFA FARIÑA
photo_camera Ponte de Rande. RAFA FARIÑA

A portavoz do PP no Concello de Vigo, Elena Muñoz, avanzou este martes que o seu grupo solicitará ao Ministerio de Fomento a apertura dun expediente informativo a Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, en relación aos colapsos de tráfico rexistrados na ponte de Rande.

Nunha rolda de prensa, concretou que o obxectivo desta acción é "que se saiba exactamente que é o que está a pasar, que se corrixan erros e que se garanta que os problemas" de tráfico na zona "van deixar de ser recorrentes".

Esta demanda, engadiu Muñoz, verase reforzada co envío dunha "queixa á concesionaria" para denunciar un problema de fluidez do tráfico que, lamentou, "está a converterse en habitual".

Elena Muñoz compartiu "absolutamente a indignación dos usuarios ante os atascos recorrentes" en Rande e insistiu en que non se trata dunha "cuestión puntual, senón que xa está a ser algo habitual".

As obras que se desenvolven na ponte, censurou, "están a planificarse a conveniencia da empresa concesionaria e non dos usuarios", sen ter en conta "cales son as horas de maior afluencia de tráfico" para evitar os citados inconvenientes.

A portavoz popular recoñeceu que a pasada fin de semana vivíronse "situacións que non se deberían de vivir" e mostrouse "a favor de que se devolva a peaxe aos usuarios afectados" polos colapsos.

Abundou en que Audasa "non cumpriu a obrigación que ten como concesionaria da autoestrada de dar un transporte e unha viaxe fluída e, xa que logo, os usuarios teñen dereito a que se lles devolva a peaxe".
Finalmente, esixiu a esta empresa que "planifique as obras que quedan por facer nas horas nas que menos se prexudique" aos condutores. 

Comentarios