O PPdeG dará a coñecer antes do 21 setembro os candidatos ás municipais

Miguel Tellado rexeita a idea de que a chegada de Pablo Casado á presidencia do partido supoña un xiro á dereita nas súas políticas

Miguel Tellado. PEPE FERRÍN
photo_camera Miguel Tellado. PEPE FERRÍN

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, dixo este domingo que a súa formación política dará a coñecer os candidatos ás eleccións municipais de 2019 antes do día 21 de setembro.

Nunha entrevista en Radio Galega, Tellado dixo que teñen "o compromiso de que antes de que finalice o verán, aí está o 21 de setembro" cumprirán o calendario e darán a coñecer os nomes de candidatos e candidatas aos comicios municipais e admitiu que “hai moitas expectativas postas".

O político popular negou que a chegada de Pablo Casado á presidencia do PP supoña un xiro á dereita nas políticas da formación. "Esa firmeza na defensa do que cremos non se debe confundir cun xiro á dereita que non se deu", dixo.

"A verdade —afirmou— é que o si se pode ratificar é que vai haber unha defensa clara dos nosos principios, dos nosos valores, porque se algo demostrou Pablo Casado nestes anos é que é unha persoa que defende con firmeza os valores, as ideas, o proxecto do Partido Popular”. 

Para Tellado, o novo presidente do PP supón “unha substitución xeracional moi potente” para o PP, un "salto xeracional grande".

Desde o punto de vista do PPdeG, o número dous dos populares galegos asegurou que están "moi satisfeitos" do resultado do Congreso porque nos permite renovarnos para os retos que temos por diante".

Afirmou que deste Congreso nace "un novo proxecto político" e destacou que "coloca" a importantes "referentes" do PPdeG na "nova Executiva nacional". Tellado dixo que neste conclave viu "un Partido Popular que saíu unido" e "un debate e unha confrontación verdadeiramente sa". 

Respecto ao posible papel de Alberto Núñez Feijóo no novo proxecto político de Pablo Casado, Tellado recoñeceu que "é verdade que Pablo Casado ten en alta consideración” ao presidente do PPdeG, e engadiu que, sobre todo, Núñez Feijóo "vai seguir xogando ese papel fundamental de referente". 

Comentarios