O PPdeG tacha de "irrespetuoso" que Sánchez afirme que o futuro de Alcoa está "garantido"

O PSdeG sostén que "a procura de solucións vai na boa dirección" e En Marea pide a "nacionalización" das plantas

Pedro Puy. AGN
photo_camera Pedro Puy. AGN

O PPdeG, da man do seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, criticou este luns ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por asegurar o pasado domingo durante un mitin na Coruña que o futuro de Alcoa está garantido. Para o popular, segundo expresou a preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa celebrada este luns, "non é serio nin respectuoso cos traballadores" que o xefe do Executivo afirme que o problema "está resolto" cando "hoxe mesmo (este luns) vaise celebrar en Madrid unha nova reunión da mesa de seguimento do borrador do estatuto dos consumidores electrointesivos". 

Neste sentido, o portavoz dos populares no Pazo do Hórreo ve "fins electorais" nas palabras pronunciadas o pasado domingo na cidade herculina por Pedro Sánchez, ao que lembra que "sen a estabilidade" que outorgaría o estatuto os "problemas" que atravesa Alcoa poderían reproducirse en "outras" empresas como Ferroatlántica. 

Pola súa banda, minutos antes da rolda de prensa de Puy, o seu homólogo no Partido Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén puña o foco nos "réditos" electorais en torno ao conflito de Alcoa, neste caso para acusar aos populares de que "preferirían" que o "problema" non tivese "unha solución".  Para Leiceaga, "o que dixo (o domingo)" o presidente do Goberno é que existe "o compromiso de que Alcoa terá futuro en España", algo que "forma parte da liña de traballo que segue o Goberno" desde a chegada dos socialistas á Moncloa en xuño de 2018. 

"A ministra de Industria conseguiu que houbese unha prórroga de seis meses para o peche. Estamos nese tempo e interpreto que esa procura de solucións vai na boa dirección", incidiu o portavoz socialista. "Supoño que o PP preferiría que isto non fose así para sacar rédito electoral", espetou.

EN MAREA CRITICA A SÁNCHEZ. Pola súa banda, tamén este luns, a deputada de En Marea Paula Quinteiro lamentou que o presidente do Goberno non tomase "as medidas necesarias" para evitar o peche das plantas de Alcoa en España.  "Seguimos á expectativa", apuntou a parlamentaria, que cre que a pesar dos "anuncios" do Goberno, o seu grupo non ve "que se resolvese" un problema que, para En Marea, podería solucionarse a través da "nacionalización" das plantas.

Comentarios