Practican a autopsia ao cadáver dun veciño de Ortigueira que faleceu á beira da súa segadora

Cando o atoparon, estaba aprisionado entre a máquina e unha árbore

O corpo sen vida dun veciño de Ortigueira, J.V.C.Y., de 56 anos, domiciliado no lugar de Fontela, na parroquia de Loiba, foi localizado sobre as 16,00 horas deste luns, 13 de maio, nunha leira da súa propiedade e aprisionado entre a segadora de herba que supostamente conducía e unha árbore. Está previsto que se lle practique este martes a autopsia ao cadáver.

Supostamente o home, que vivía só e que tiña unha granxa, desprazouse este domingo a unha leira para cortar herba coa que posteriormente alimentar ao seu gando. Foi un amigo o que deu a voz de alarma ao constatar que o home non regresara á casa e que, ademais, os animais estaban sen ordeñar.

Por iso, sinalaron fontes consultadas por Europa Press, iniciaron a procura ao comprobar que na casa non estaba a segadora e, tras acudir a varias leiras, localizaron nunha delas ao home sen vida.

Despois de dar a voz de alarma ao lugar do suceso desprazáronse axentes da Garda Civil e unha comisión xudicial que foi a que autorizou o levantamento do cadáver, traslado ao Hospital Naval de Ferrol.

Está previsto que a partir das 9,00 horas deste martes se lle practique a autopsia, coa que se agarda que se poida esclarecer a causa do seu falecemento.