Un preso de Teixeiro, identificado como o autor de 69 estafas na rede

Meaño, Ribeira, Carballo e Ribeira, as localidades galegas nas que actuara

Los pasillos de Teixeiro
photo_camera Un dos módulos do cárcere de Teixeiro. AEP

A Garda Civil de Navarra, no marco da operación Maracuyá, identificou o autor de 69 estafas cometidas a través da compravenda de produtos en Internet, polo que foi detido un home de 32 anos por un delito de estafa continuada por valor de máis de 17.000 euros en varias provincias, entre elas A Coruña, Ourense e Pontevedra. 

Segundo informou o Instituto Armado, a investigación, que foi realizada pola Policía Xudicial da Garda Civil, iniciouse tras terse coñecemento a través dunha denuncia interposta no Posto de Olite (Navarra), na que unha muller puña en coñecemento que realizara unha compra dun produto a través dunha coñecida web de compravendas, polo que realizou uns ingresos ao suposto vendedor por importe de 1.605 euros, pero non recibiu o produto. 

A medida que se avanzaba na investigación, os axentes constataron máis casos cunha forma de actuar similar en todos eles e comprobaron que existían denuncias interpostas polas persoas afectadas por case toda a xeografía española. 

En Galicia, había denuncias nas localidades coruñesas de Ribeira e Carballo por valor de 250 e oito euros, respectivamente; outra en Piñor (Ourense) por 600 euros; e outra en Meaño (Pontevedra) por 200 euros. 

Tamén se rexistraron denuncias en provincias como Albacete, Alacante, Asturias, Barcelona, Guadalaxara, Huelva, Illas Baleares, Madrid, Navarra, Sevilla, Tarragona, Toledo, Valencia e Biscaia. 

A Benemérita indicou que os investigadores puideron constatar, en base ás informacións e documentacións coas que contaban, "como en moitos casos as vítimas non formularan denuncia algunha por considerar que eran cantidades de diñeiro relativamente pequenas, nuns casos, ou pola crenza de que non existe a posibilidade de recuperar o importe estafado, noutros". 

ACTUACIÓN. O modus operandi, relatan as mesmas fontes, era sempre o mesmo; "o autor ofertaba obxectos e cursos de formación a través de plataformas web de compravenda". Tras porse en contacto co suposto vendedor a través de mensaxes de texto ou chamadas telefónicas e pactar o prezo, as vítimas facíanlle ingresos nunha conta corrente en concepto de compra dos produtos, os cales debían ser enviados aos compradores. 

"O ofertante, logo de comprobar que se efectuou o ingreso, bloqueaba nas aplicacións móbiles de mensaxería aos prexudicados e non realizaba tales envíos, consumándose así a estafa", indica o Instituto Armado. 

Logo de meses de investigacións, identificouse ao presunto autor na provincia da Coruña, onde cumpre pena de prisión no Centro Penal de Teixeiro por outros feitos. Ao individuo imputóuselle en calidade de investigado un delito continuado de estafa, que supera os 17.000 euros en 69 feitos delituosos.