As primeiras axudas para a hostalería e o turismo publicaranse a semana que vén

As axencias de viaxes trasladan a petición de salvar "polo menos parte" da campaña de inverno
Alfonso Rueda, este miércoles. EFE
photo_camera Alfonso Rueda. EFE

A Xunta comezará a publicar a próxima semana as convocatorias de axudas ás que se poderán acoller o turismo e a hostalería, dúas sectores "especialmente afectados" polas consecuencias da pandemia. 

Así o anunciou este venres o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, xunto coa conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, logo de pechar a semana de contactos cos diferentes subsectores que os conforman (hostalería e restauración, aloxamentos, axencias de viaxes, cámpings e turismo complementario). 

Os encontros, segundo a Xunta, serviron para "introducir melloras que sexan necesarias para que, cando se publiquen as ordes, sexan o máis útiles e rápidas posibles". A previsión é que todas estean publicadas antes de que termine novembro. 

Pola súa banda, as empresas turísticas coincidiron na "necesidade de que se impliquen todas as administracións nun plan de rescate do turismo que inclúa, ademais das axudas directas, apoio ao financiamento e medidas fiscais, dependentes do Goberno central e dos concellos".

VIAXES DE ESCOLARES. Segundo informa nun comunicado o Cluster de Turismo de Galicia, as axencias resaltaron a necesidade de "salvar polo menos unha parte do turismo de inverno", e referíronse "especificamente ás viaxes de escolares". 

Pediron tamén "que se profunde nas medidas de fomento da demanda, como os bonos turísticos, así como un maior esforzo de promoción para un ano tan importante como é o Xacobeo 2021". 

Comentarios