lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

Ofensiva da Xunta para cobrar a débeda do Goberno

Feijóo e Caballero, no Hórreo. LAVANDEIRA JR
Feijóo e Caballero, no Hórreo. LAVANDEIRA JR
Primeiro cara a cara entre Feijóo e Caballero: "Fala como presidente e nin sequera foi candidato"

O primeiro cara a cara entre os líderes do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e PSdeG, Gonzalo Caballero, desencadeouse este mércores como un primeiro debate electoral co horizonte das eleccións autonómicas de 2020 no marco do cal o presidente da Xunta quixo marcar o posto de cada un.

"Vostede fala xa como presidente da Xunta, nin sequera foi candidato, nunca gañou unhas eleccións pero fala como presidente", reprochoulle Feijóo a Caballero.

Durante a primeira participación de Caballero na sesión de control ao mandatario autonómico no pleno do Parlamento de Galicia, Núñez Feijóo criticou que o seu adversario actúa con "obediencia debida" como un "monicreque" do PSOE en Madrid e que Pedro Sánchez "non ten un secretario máis obediente en toda España".

De igual forma, o presidente da Xunta afeoulle ao líder socialista que tardase tanto tempo desde a súa chegada ao cargo en incorporarse á vida parlamentaria e criticou o contido da súa primeira intervención por entender que era máis propia dun "mitin" que do ámbito parlamentario.

"Cre que está vostede nunha rolda de prensa", engadiu Núñez Feijóo, que despois convidou a Caballero a escoller entre seguir sendo un "monicreque" do seu partido en Madrid ou entender que no Parlamento se falan "cousas serias" e non consignas de partido. 

Carta de Feijóo a Sánchez
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enviará ao seu homólogo estatal, o socialista Pedro Sánchez, unha carta na que lle insta a "reconsiderar o bloqueo desatinado" que, ao seu xuízo, aplica aos servizos públicos galegos ao non transferir os 700 millóns de euros que "debe" a Galicia. O escrito irá acompañado dunha proposta de decreto lei que –dixo– permitiría solucionar xa a situación. 

E é que o arranque do curso político en Galicia –na liña do resto de comunidades e do Estado– está marcado polo debate ao redor do financiamento e os 700 millóns que, no caso galego, demanda a Xunta ao Executivo central: 330 millóns das entregas a conta pendentes do financiamento autonómico, 200 millóns dunha mensualidade do Ive de 2017 e outros 170 millóns de incentivos por cumprir as regras de estabilidade financeira. 

Así, o foco este mércores na Cámara galega, á marxe da 'estrea' no cara a cara con Feijóo do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, estivo no financiamento, onde o presidente galego levou o debate en todas as preguntas formuladas por socialistas, Grupo Común de Esquerda –con Antón Sánchez como voz– e BNG durante a sesión de control. 

Feijóo aproveitou o debate con Caballero para anunciar que enviará unha carta a Sánchez co fin de esixirlle o fin do "bloqueo" á "sanidade, servizos sociais, educación ou dependencia" en Galicia, achegando o informe xurídico que a Xunta xa presentara e no que se defendía que, en contra do que alega o Goberno, "si" hai vías legais para a transferencia dos 700 millóns. 

Á marxe do informe xurídico, o Executivo autonómico irá un paso máis aló e incorporará ao escrito unha proposta de decreto lei que, segundo Feijóo, estaría lista para aprobar no Congreso dos Deputados a semana próxima, e que permitiría que Galicia puidese recibir os 700 millóns en cuestión. 

Ofensiva da Xunta para cobrar a débeda do Goberno
Comentarios