Primeiro mergullo entre dúbidas: as condicións para ir ás praias 

Os areais ábrense este luns ao baño coa obrigación de manter a distancia social de 2 metros e aforamentos limitados en moitos casos
javi terrazas en marin y gente paseando por la playa de silgar, sanxenxo
photo_camera A praia de Silgar, en Sanxenxo, este domingo. JAVIER CERVERA

As preto de 1.000 praias que suma Galicia poden estar abertas desde este luns ao baño co paso á fase 2 da desescalada, pero os primeiros mergullos chegan con moita incerteza. As principais dúbidas dos usuarios están relacionadas co que se pode facer e o que non nos areais e as normas que hai que cumprir en plena pandemia para gozar destes espazos. Os concellos, pola súa banda, viven estes días un intenso traballo de elaboración de ideas para xestionar os aforamentos con plans que van do control de acceso e valado, ata o uso de drons e o establecemento de cuadrículas para garantir a distancia de seguridade. Este domiongo o Ministerio de Sanidade lanzou unha serie de recomendacións para a apertura das praias ao baño.

Horarios, aforamento e distancias

Non hai franxas horarias delimitadas para estar na praia, agás para os maiores de 70, cuxas saídas seguen restrinxidas aos períodos que van de 10.00 a 12.00 horas e de 19.00 a 20.00, para protexelos como grupo de risco. En teoría pódese ir desde as seis da mañá ata as once da noite, sempre sen cambiar de provincia. Os concellos apelan á responsabilidade para evitar os areais nos que haxa moita xente e poida haber saturación. O sistema de cita previa que propuxo a Xunta quedou en papel mollado polo rexeitamento dos concellos, así que os cidadáns terán que ver in situ como está a praia.

E é que deberá haber límite de aforamento. Sanidade di que o xestor da praia —os concellos— terán que controlar a afluencia para asegurar que se cumpre a distancia de seguridade: dous metros entre persoas e recoméndase que as antucas estean distanciadas polo menos catro metros. En todo caso, en Galicia hai praias moi pequenas e illadas, polo que será imposible controlar o aforamento en todas. Nos areais máis grandes e concorridos o máis probable é que haxa sistemas de control de acceso e de parcelación para evitar aglomeracións.

Os baños e paseos pola beira

Se ata agora as praias só estaban abertas ao paseo ou determinados deportes, a partir de hoxe —e con este tempo estival— será posible lanzarse á auga para darse un baño. Sanidade apunta que a día de hoxe "non se dispón de información científica sobre a capacidade do virus para permanecer infeccioso en auga salgada". Para os afeccionados aos paseos pola beira, o ministerio recomenda gardar máis de dous metros de distancia con respecto ao resto de usuarios do areal porque "os aerosois formados polas ondas e o vento son abundantes e representan unha gran fonte natural de partículas no aire que poderían transportar o virus". Con todo, sinala que a Organización Mundial da Saúde (OMS) non advertiu que o virus poida propagarse pola brisa do mar.

Máscara e grupos acoutados

A máscara nas praias non é obrigatoria, posto que se trata dun espazo ao aire libre no que hai que cumprir a distancia de seguridade, pero é conveniente usala como medida de protección. Na toalla é máis fácil manter a separación de dous metros, pero se se pasea pode haber máis risco. E con cantas persoas se pode estar? Os grupos non poden superar as 15 persoas, igual que nas reunións nesta nova fase.

As duchas e aseos, dispoñibles

Pódense usar. Os concellos deben limpar e desinfectar baños, duchas, vestidores, lavapés, pasarelas, varandas e outros elementos. Teñen que informar a través de cartelería das normas de hixiene e da obrigación de manter o distanciamento social. Todo un reto a volta á praia.

Piscinas ata un 30% de ocupación
Ademais das praias, a entrada de Galicia na fase 2 do proceso de desescalada suporá tamén a apertura das piscinas tanto públicas como comunitarias cun 30% de ocupación. Se no caso das primeiras, que xeralmente contan con sistemas de xestión de entrada, esta medida non supón un gran problema, as comunitarias enfróntanse a retos como saber de que xeito controlar os aforamentos ou que persoa debe encargarse desa tarefa.

Por ese motivo, os colexios de administradores de leiras recomendan que, polo momento, non se abran están instalacións, sobre todo ata que se clarifique quen debe asumir de forma persoal a responsabilidade de controlar os aforamentos.

BAÑO NOS RÍOS? Nas zonas de río adoita ser máis sinxelo manter o distanciamento social e evitar aglomeracións, pero o Ministerio de Sanidade desaconsella "o baño e os usos recreactivos" en zonas de pozas, remansos e canles de auga doce con escaso caudal este ano pola situación do Covid-19.

Comentarios