A prisión por atropelar o empregado dunha gasolineira na Laracha e fuxir

Gasolineira Avia, na Laracha. GOOGLE MAPS
photo_camera Gasolineira Avia, na Laracha. GOOGLE MAPS

O xulgado de instrución número 1 de Carballo decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para un mozo detido este mércores tras darse á fuga o martes logo de atropelar cun coche roubado un empregado dunha gasolineira no municipio da Laracha, ao negarse a pagar o combustible. 

Segundo confirmaron fontes xudiciais tras pasar o detido a disposición xudicial, o individuo está investigado como presunto autor dun delito de intento de homicidio. O traballador da gasolineira Avia da Laracha, situada na estrada que une este municipio e Carballo, resultou ferido ao ser atropelado polo vehículo. 

Os feitos producíronse sobre as sete da tarde, cando o condutor do vehículo, un Volkswagen Golf, negouse a pagar tras encher, arrincou e, ao ser perseguido polo empregado da gasolineira, deu a volta e atropelouno. O empregado foi evacuado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) para recibir atención médica, pero non se teme pola súa vida. 

O condutor foi detido este mércores nun hostal de Arteixo. É un mozo natural de Carballo, pero veciño de Arteixo, onde estaba en compañía dun menor que levaba as chaves do vehículo subtraído. O mozo, coñecido das forzas de seguridade por delitos contra o patrimonio e en materia de seguridade viaria, carece de carné de conducir. 

Comentarios