Prisión para oito dos detidos en operación contra narcotráfico na Coruña

Os outros sete que pasaron a disposición xudicial durante a xornada deste sábado quedaron en liberdade

O xulgado de garda da Coruña decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para oito dos vinte e tres detidos nunha ampla operación contra o narcotráfico realizada o xoves na cidade.

Estaba previsto o pase a disposición xudicial durante esta xornada de dezaseis dos detidos, aínda que o dun deles quedou aprazado a este domingo porque foi necesario o seu traslado ao hospital, informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Oito dos detidos -cinco homes e tres mulleres- foron enviados a prisión provisional comunicada e sen fianza, investigados por suposto tráfico de drogas e integración en grupo criminal.

Dous deles están imputados, ademais, por suposto depósito de armas e outros dous, por tenencia ilícita de armas.

Os outros sete que pasaron a disposición xudicial durante a xornada deste sábado quedaron en liberdade, pero continúan investigados polos mesmos supostos delitos.

A operación realizouse o pasado xoves na rúa Orillamar da Coruña, cun amplo despregamento policial que incluíu un helicóptero e deixou a área con circulación restrinxida durante dez horas, desde as 5.30 da madrugada ata primeira hora da tarde, con numerosos rexistros e vinte e tres detencións. 

Comentarios