Profesionais de Atención Primaria irán á folga e manifestaranse o mércores

Piden "máis tempo", estabilidade e medios ► Denuncian que non atopan unha "resposta real" por parte da Administración e critican a "inercia hospitalocentrista"

Profesional de la salud. EP
photo_camera A convocatoria toca a médicos de atención primaria e PACs. PIXABAY

Os profesionais de Atención Primaria de Galicia irán este mércores, día 19, á folga para reclamar "máis tempo" para os seus pacientes e un sistema que "dea resposta ás necesidades" dos galegos, afastado do actual "hospitalcentrismo" que denuncian e polo que tamén protestarán durante a mesma xornada. 

Así o explicaron durante unha rolda de prensa celebrada este luns en Santiago na que Carlos Eirea, en representación da Asemblea de Áreas Sanitarias de Galicia, falou da convocatoria de paro e da manifestación que durante esa xornada partirá ás 12.00 horas da Xunta ata o edificio do Sergas, na que invitan a participar a toda a sociedade. 

En palabras de Eirea, os profesionais en folga reivindican que "sen Atención Primaria, a sanidade non é sostible", porque "non dá resposta ás necesidades da xente".

Con todo, fronte ás súas continuas reclamacións, os sanitarios critican o silencio da Administración sanitaria: "Non atopamos unha resposta real, só respostas ficticias, por parte da Administración", dixo Carlos Eirea, que criticou a "inercia hospitalocentrista" da sanidade actual, que se orienta só ao "consumo de grandes tecnoloxías". 

Así, estes profesionais non senten que este nivel asistencial sexa "para nada o eixo do sistema sanitario" e reclaman que a asistencia e a xestión "necesariamente se centre no doente" e se utiilce a Primaria "como base para poder dar resposta" aos usuarios. Por iso, recordaron, non buscan "ningún tipo de reivindicación profesionalista" coa folga: "a base fundamental é ter máis tempo para os nosos pacientes", resolveron.

RECLAMACIÓNS: TEMPO E RECURSOS 
Unha das principais reclamacións do colectivo pasa por incrementar a dotación de recursos humanos, xa que, sen persoal, "a sobrecarga vai persistir". Nesta liña, consideran que o problema "non é que non haxa médicos", se non que se deixan escapar" polas malas condicións laborais e a falta de aposta pola Atención Primaria. 

Do mesmo xeito, inciden na necesidade de incrementar o orzamento específico de Atención Primaria, ata, polo menos, "un 25%" do global, unha cifra que a día de hoxe rolda o 13%. Así, critican que os incrementos avanzados pola Xunta serán "circunstanciais" e "non estruturais". 

Tamén cargan os profesionais contra a organización administrativa actual, en particular as EOXI. "Hai que ser hábiles para recoñecer cando un remedio non está a ser bo", explicaron, tras o que pediron á Administración sanitaria que "non sexan obstinados" e recuperen estruturas que "coñezan os problemas de cerca". 

Finalmente, nas reclamacións da folga tamén figuran o "eterno problema da PAC" e a necesidade de incorporar "novos profesionais con contratos dignos", para que os novos médicos "non teña que ir escapando cara a outros sitios".

FALTA DE VONTADE
Os facultativos critican, en particular, a actitude da Xunta, que "trata de trasladar a imaxe de que isto non existe, pero si que existe" e lamentan o "ninguneo" cara aos profesionais".

"Unha realidade que está mal non se pode cambiar dun día para outro, pero para saber que había boa vontade o primeiro sería chamarnos a dialogar", apuntaron. 

Entre as medidas a curto prazo que consideran que poderían implantarse "de hoxe para mañá", están a extensión da teleconsulta e das citas preferentes, para non ter que "mandar a Urxencias a pacientes que non poden esperar meses por unha consulta".

Do mesmo xeito, tamén reclaman que se convoque unha OPE coas prazas de persoal interino, algo que, aseguran, Sanidade prometeu que faría en xuño "e non se fixo". 

Comentarios