O programa 21 Días co Galego e + estende o idioma na escola e o fogar

Política Lingüística clausura a iniciativa, na que participaron 3.877 estudantes que se expresaron só en galego durante 504 horas
Alumnado do IES Alfonso X O Sabio de Cambre. EP
photo_camera Alumnado do IES Alfonso X O Sabio de Cambre. EP

Preto de 4.000 estudantes de 12 a 18 anos e as súas familias sumáronse á segunda edición do programa 21 Días co Galego e +, unha iniciativa pensada para incentivar e promover os espazos de uso da lingua. Nesta convocatoria, os centros inscritos pasaron de catro a dez e o alumnado aumentou dende os 1.316 ata os 3.877 participantes. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, participaron este luns no IES Afonso X O Sabio de Cambre na clausura do programa, que se está "consolidando como un referente en dinamización lingüística e en innovación educativa", segundo expuxo García.

En que consitiu o desafío? Os estudantes asumiron o compromiso de falar só en galego dende o 13 de xaneiro ata o pasado domingo. Nas súas orixes está o programa 21 Días co galego —unha experiencia baseada nos 21 días que se consideran necesarios para adquirir un hábito—, que se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte. Dende o curso 2018-2019, a Xunta decidiu asumir a iniciativa como propia e estendela a outros catro centros, un por provincia. O éxito e a orixinalidade do plan fixo que recibise o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua da Consellería de Cultura.

No curso en marcha, o programa, que se enmarca baixo o paraugas do Plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade, ampliou a participación ata os dez centros, con preto de 4.000 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (Eso), Bacharelato e de Formación Profesional.

Os centros participantes foron o IES As Lagoas (Ourense); o Afonso X O Sabio (Cambre); o Antón Alonso Ríos (Tomiño); o Ánxel Fole (Lugo); o Arcebispo Xelmírez I (Santiago); o Eduardo Blanco Amor (Ourense); o CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); o IES Illa de Ons (Bueu); o de Poio e o IES de Vilalonga (Sanxenxo). A iniciativa englobou a 305 profesores e 60 membros do persoal de administración e servizos. 

UN RETO ESIXENTE. "Cada vez máis centros se interesan en participar ou en desenvolver iniciativas semellantes a esta", explicou o secretario xeral de Política Lingüística, que sostén que por esta vía se favorece "o coñecemento e, sobre todo, o uso da lingua entre as novas xeracións, que levan o galego a fogares onde non adoitaba usarse e que inciden positivamente na autoestima do alumnado que xa era galegofalante". De feito, esta é unha das conclusións da avaliación do programa. Tras destacar o "inxente esforzo" dos estudantes, profesores, equipos de dinamización da lingua e da coordinadora da actividade, Pilar Ponte, García salientou que o resultado foi «satisfactorio » ao tempo que o reto foi "esixente".

Precisamente, o director xeral de Educación incidiu en que unha das claves do éxito do programa 21 días co galego e + foi o feito de que implique ao conxunto da comunidade educativa "nuns obxectivos comúns". "Cando as familias, o profesorado, isto é, a sociedade, traballan xuntos pola educación da mocidade, os resultados son sempre positivos", remarcou Manuel Corredoira.

No acto tamén interviron a responsable da iniciativa e o director do IES Afonso X O Sabio, Félix Rodríguez Sanjurjo, que deron paso á actuación do coro do centro educativo e a un concerto de Uxía e Sérgio Tannus. Os rapaces participantes comprometéronse a utilizar o galego durante 504 horas ininterrompidas dentro e fóra do centro educativo. Os interesados na iniciativa poden observar o resultado no blog (blogs.xunta.gal/ 21diascogalegoemais/) no que se foron recollendo os retos e gravacións individuais. Entre os numerosos vídeos que os mozos colgaron figuran, por exemplo, consellos para o ámbito familiar. Neste eido, estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense propuxeron o visionado da película A Esmorga, de Ignacio Villar, facer unha lista coas rúas dunha localidade que locen o nome dun escritor ou organizar «un safari fotográfico» polas casas natais dos escritores galegos, percorrendo vilas como Rianxo, Padrón ou Celanova.

O seguemento nas redes sociais foi amplo. Só en Facebook unhas 14.400 persoas estiveron pendentes da iniciativa, que xerou máis de dez milleiros de interaccións.

A LINGUA, MÁIS ALÁ DA AULA. A iniciativa persegue implicar ao alumnado na procura de que o galego sexa o seu idioma normal de uso en tódolos ámbitos, levando a lingua á rúa e ás situacións cotiás en lugar de reducir o seu uso ao ámbito académico. O programa orixinal, que desenvolveu Pilar Ponte, xa chegara a recibir no 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística.

Cambre. A Coruñael secretario xeral de Política Ling~ística, Valentín García, y el director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participan en la clausura del programa '21 Días co Galego e +'. IES Afonso X O Sabio.03/02/2020Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña

Máis axudas para fomentar a lingua
As actividades para fomentar o galego no ensino contarán neste curso con máis apoio. A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantén aberta ata o 2 de marzo a convocatoria de axudas para estender a lingua tanto en centros privados como nos públicos, que verán incrementada en 50.000 euros a contía destinada a este fin.

MÁIS DE 370.000 EUROS. Segundo o DOG do 27 de decembro, dedicaranse 373.833 euros para apoiar os proxectos dos equipos de dinamización da lingua no nivel preuniversitario e do profesorado dos centros que contan con menos de seis unidades.

Comentarios