A Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e a Fundación Rosalía de Castro promoven unha campaña para porlle o nome da autora padronesa a unha estrela (HD 149143) e o do río Sar a un exoplaneta asociado (HD 149143b). Desde o pasado venres e até o próximo 12 de novembro permanecerá aberta a votación, que será a través de internet.
A iniciativa foi presentada este luns nunha rolda de prensa no salón de actos da Casa das Ciencias da Coruña polo membro da xunta directiva da Agrupación Ío Martín Pawley e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. A idea partiu da campaña mundial 'NameExoWorlds', coa que a Unión Astronómica Internacional quere celebrar o seu centenario. Así, esta entidade permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.
HD 149143 é a estrela que lle toca a España. Situada na constelación de Odiuco, o Serpentario, ten unha magnitude relativa de 7,89, o que a converte nun obxectivo visible con prismáticos en ceos escuros. Con todo, o mellor momento para ver esta estrela é "no verán", segundo comentou Pawley.
A Fundación Rosalía de Castro buscará darlle o nome da escritora a unha estrela e o do río Sar a un exoplaneta
"ROSALÍA É UN EMBLEMA". "Desde Galicia non hai outro nome que se axuste mellor a colocalo no ceo", comentou Pawley en relación á proposta do dotar á estrela co nome de Rosalía, unha escritora cuxa obra —lembrou— "está chea de referencias ás estrelas".
Pola súa banda, Anxo Angueira trasladou o "orgullo" que supón esta iniciativa para a Fundación Rosalía de Castro. "Rosalía é un emblema que nos une; representa a Galicia no mundo, no universo", destacou o presidente da entidade.
Os votos para a candidatura da estrela Rosalía recóllense a través da web http://nombraexoplanetas.es/ até o día 12 de novembro. Os resultados finais coñeceranse nun anuncio oficial da Unión Astronómica Internacional a partir de mediados de decembro.