Seis proxectos participarán na primeira aceleradora da Xunta

O Goberno galego apoia a 192 proxectos de biomasa que prevén mobilizar 2 millóns de euros e un aforro de 200.000 euros en vivendas do rural
Video Conferencia del Comité de Selección de BFFood. BFFOOD
photo_camera Vídeo Conferencia do Comité de Selección de BFFood. BFFOOD

Seis proxectos foron seleccionados entre 27 candidaturas para participar na primeira aceleradora da Xunta para o sector alimentario en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). 

Os proxectos seleccionados -catro dos cales xa participaran nun programa de aceleración o pasado ano- accederán agora a unha plataforma de apoio integral de doce meses de duración orientada a favorecer o seu desenvolvemento. 

Ademais, tamén terán á súa disposición un préstamo participativo de Xesgalicia que, segundo sinala a Xunta nun comunicado, pode levar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros

O Comité de Selección de BFFood primou a innovación e tecnoloxía dos proxectos seleccionados, que teñen que atender a algún dos retos definidos pola industria alimentaria como a dixitalización e automatización, a sustentabilidade, o desenvolvemento de novos produtos, a interacción con clientes e consumidores, así como fortalecer a resiliencia do sector ante situacións de urxencia derivadas de pandemias, como a provocada polo coronavirus. 

Os proxectos seleccionados son os seguintes: 'Essence Food', de Pontevedra e centrada na revaloración de excedentes; 'Monkey Markets', ferramenta B2B lanzada desde A Coruña para compravendas no mercado chinés; 'Muutech food monitoring platform', tamén de Pontevedra e orientada na monitorización de datos; 'TripleAlpha', proxecto coruñés de analítica avanzada e aprendizaxe automática; 'Refix-Atlantic Sexa Water', bebida coruñesa elaborada con auga do mar da Costa da Morte e 'Sensebit', un software de análise sensorial. 

PROXECTOS DE BIOMASA 
Doutra banda, a Xunta informa este luns da publicación no DOG dunha resolución de axudas de case un millón de euros para a dinamización do sector da biomasa. 

Trátase de 192 proxectos en zonas rurais de Galicia que permitirán pvomover instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen a biomasa como combustible. 

Segundo a Xunta, estas iniciativas permitirán mobilizar 2 millóns de euros e un aforro de 5.000 megawatios hora ao ano, así como case 0,2 millóns de euros na subministración enerxética e unha redución das emisións de 1.500 toneladas de CO2. 

Comentarios