PSA proba na súa planta de Vigo exoesqueletos para mellorar a saúde laboral dos seus traballadores

O Grupo indicou que estes dispositivos facilitan asistencia á actividade muscular de determinadas zonas anatómicas

Centro de PSA, en Vigo.AEP
photo_camera Centro de PSA, en Vigo.AEP

O consorcio automobilístico francés PSA, en colaboración co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Mutua Universal, están a realizar un estudo de dispositivos de asistencia física (exoesqueletos) para a utilización dos traballadores do centro da compañía en Vigo.

O Grupo PSA indicou que estes dispositivos facilitan asistencia á actividade muscular de determinadas zonas anatómicas a través de medios activos ou pasivos, o que permite contribuír á prevención de trastornos musculo-esqueléticos.

A compañía destacou que a colaboración entre as tres organizacións forma parte da estratexia do consorcio francés orientada á preservación da saúde e do benestar do conxunto dos seus traballadores e tamén permite unha análise "rigorosa e en profundidade" sobre as achegas deste tipo de elementos.

Neste proxecto, PSA achega a súa experiencia no proceso de fabricación en liña e nas melloras ergonómicas, mentres que os expertos de CTAG analizan a conveniencia e eficiencia dos procesos e os de Mutua Universal desenvolven técnicas de medición neurofisiolóxica da actividade muscular por electromiografía de superficie e a análise do movemento 3D.

Na actualidade, o centro de Vigo está a realizar a fase final do estudo dun exoesqueleto nas operacións con brazos levantados, transmitindo cargas ás cadeiras e pernas a través dun eixo vertical que fai os labores de columna vertebral. A previsión é pechar o estudo a principios de xullo e os resultados serán compartidos con outras fábricas do grupo.

Comentarios