O PSdeG constitúe un comité de expertos economistas que incorpora a Touriño e Laxe

Gonzalo Caballero. EUROPA PRESS
photo_camera Gonzalo Caballero. EUROPA PRESS

O PSdeG constituíu un comité de expertos en economía, que incorpora os expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, para "dar resposta" aos efectos que a pandemia deixará a nivel económico na comunidade.

Anunciouno este domingo o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen asegurou que a idea xorde da "necesidade de utilizar todos os resortes e capacidades das administracións públicas" para "combater a crise que deixa o coronavirus". Coa colaboración dos expresidentes tratarase de deseñar "unha nova política económica ao servizo da cidadanía" para a "Galicia do futuro", segundo asegurou Caballero.

Deste xeito, os socialistas galegos suman ao comité de expertos sanitarios constituído a semana pasada este novo órgano dedicado ao ámbito económico. Ademais, o secretario xeral, dada a súa traxectoria como economista, asegura que porá o seu "maior esforzo por constituír unha folla de ruta que axude a recuperar o tecido produtivo da comunidade" e "orientar" a saída da crise tras "unha década sen política económica nin industrial en Galicia".

APOSTA POLO PÚBLICO. Caballero aposta por definir "unha nova política económica" que impulse "o público" para "recuperar o crecemento, adaptar o modelo produtivo e frear a curva da desigualdade social" que deixa "ao seu paso o coronavirus".

Ao mesmo tempo, considera que os cambios deben contrarrestar o "balance" que deixa o Goberno de Alberto Núñez Feijóo ao longo dos seus once anos de mandato. Segundo o líder dos socialistas estes anos resúmense na "redución en 70.000 persoas da poboación ocupada en Galicia" incluso antes da chegada do coronavirus.

Neste sentido, subliña que a Xunta "ten competencias en materia económica, industrial, de comercio, de relacións laborais e nas políticas activas de emprego", polo que avoga por orientar "estratexicamente" a defensa do público en Galicia.

Así, o socialista insta á Xunta a "tomar medidas para acompañar as empresas, os autónomos e os traballadores", así como "adoptar o modelo produtivo dun novo tempo", de forma que sexa "compatible" coa economía ao servizo das persoas.

Comentarios