O PSdeG esixe á Xunta coñecer cantos rastreadores ten o Sergas

Tamén solicita que se informe dos criterios de selección
Julio Torrado. ARQUIVO
photo_camera Julio Torrado. ARQUIVO

O portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Torrado, reclamou este mércores á Xunta que dea a coñecer o número de rastreadores dos que dispón o Servizo Galego de Saúde (Sergas) en activo e cantos deles están asignados á área metropolitana da Coruña, a máis afectada os rebrotes.

Nun comunicado remitido aos medios, o parlamentario socialista reclama tamén á Xunta que explique cal foi o método de selección deste persoal e quen se encarga da dirección do seu traballo.

Así mesmo, preguntou como se coordinou o seu labor cos profesionais de atención primaria e considerou necesario que o Sergas aclare tamén se vai contratar a máis persoal para facer fronte aos rebrotes.

"A Xunta ten que implicarse na solución dos problemas en lugar de maquillar as cifras e de intentar endosar a responsabilidade aos concellos", recalcou o parlamentario do PSdeG, que urxiu ao Goberno galego que aclare as previsións que manexa sobre o aumento de casos.

Comentarios