O PSdeG pide á Xunta que aclare cantos rastreadores hai en Galicia

Acusa o Goberno galego de falta de transparencia e critica a "desaparición" de Feijóo, que hai tres meses "saía en televisión máis que Gayoso" e agora "menos que a oposición" 
Un grupo multidisciplinar de rastreadores trabaja en Logroño para frenar la expansión del virus. EFE
photo_camera Un grupo multidisciplinar de rastreadores traballa en Logroño para frear a expansión do virus. EFE

O portavoz de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, demanda á Xunta que aclare cantos rastreadores de casos de coronavirus hai en Galicia.  En rolda de prensa este martes en Santiago, o deputado socialista lamentou que "ninguén sabe nada sobre a que é probablemente a figura máis importante na loita contra a Covid". 

De feito, afea que Feijóo fale de máis de 6.000 rastreadores en Galicia e inclúa os médicos de familia, porque "obviamente non o son", o cal tacha de "desvergoña". "É difícil cualificar de rastreador a alguén que non sabe que ten atribuída esa función", agrega. 

Tamén se pregunta cantos rastreadores están destinados á área da Coruña, afectada polo maior número de casos actualmente, e se a Xunta considera rastreadores a persoas que traballan nun call center. Ademais, Torrado alerta de que "hai un déficit claro de información", "un problema de datos" ofrecidos por parte da Consellería de Sanidade, que non achega series e fai comparativas "terxiversadas" para unha lectura "máis positiva" das cifras. "Non se pode estar a enganar cunha cuestión así", advirte.

"DESAPARICIÓN" DE FEIJÓO. Nun contexto no que se vive unha situación "preocupante", en termos de contaxios "igual" que hai tres meses, Torrado afea a "desaparición" de Feijóo, pois "hai tres meses saía na televisión máis que Gayoso e agora case o fai menos que a oposición", o que considera "novo". 

Nesta liña, recrimina que a Xunta leva seis semanas sen convocar o Centro de Coordinación Operativa (Cecop). Censura que o Executivo galego está "a velas vir" e sen unha actitude proactiva ante a pandemia. 

E é que Torrado di que "dá a sensación de que as decisións se tomaban de xeito diferente hai unhas semanas".

PIDE "LEALDADE" CO GOBERNO. Xunto a isto, chama " lealdade" da Xunta co Goberno, porque "os mesmos que, con Feijóo á cabeza, antes pedían a descentralización de competencias e criticaban o mando único, agora están a chorar a Madrid que, por favor, resolvan os problemas". 

Respecto da próxima Conferencia de Presidentes, o deputado socialista afirma que "o PP está a pedir que o Goberno do Estado resolva os problemas". De tal forma, confía na "capacidade" do Executivo central para "coordinar" a todas as comunidades e "pór a funcionar todas as medidas necesarias". 

Comentarios