PSOE e Cs gobernarán en Taboadela tras 47 anos de Manuel Gallego na alcaldía

O socialista Álvaro Vila sucederá o popular, relevado por José Antonio Paz como candidato nas eleccións de maio

Álvaro Vila. PSOE
photo_camera Álvaro Vila. PSOE

O PSOE gobernará en coalición con Ciudadanos no municipio ourensán de Taboadela, no que o PP quedou como segunda forza política despois de que o popular Manuel Gallego, o alcalde máis veterano de Galicia, non se presentase como candidato. 

O PP optou para estas eleccións municipais polo concelleiro José Antonio Paz Prieto como candidato, despois de que Gallego ocupase a cadeira de alcalde desde 1972 sen necesidade de pactos e fose concelleiro durante 52 anos. Tras o cambio na cabeza de lista popular, o PSOE quedou como forza política máis votada, con catro concelleiros, seguido do PP con tres, de Ciudadanos con un e da formación VE-TA (Veciños Taboadela) tamén con un. 

Os socialistas anunciaron este mércores que o seu portavoz no municipio, Álvaro Vila, asumirá o bastón de mando en Taboadela, onde "cogobernará con Ciudadanos", partido que lle mostrou "o seu apoio e o seu interese por entrar a formar parte do goberno". O PSOE valora que, "tras máis de catro décadas de goberno do Partido Popular, os veciños entenderon que o concello precisaba dun cambio e dunha rexeneración", con medidas que rescaten do "ostracismo" o municipio, de algo máis de 1.400 habitantes

Álvaro Vila puxo en valor as iniciativas "construtivas" que impulsou desde a oposición e a súa "intención de sumar". "Isto témolo que construír entre todos", sinalou o socialista, que na noite electoral se puxo en contacto tanto con Ciudadanos como con VE-TA para formar goberno e abrir o concello "ás achegas da sociedade civil de Taboadela". 

No entanto, explica que, logo de varias "conversas, Cs acepta entrar no goberno, mentres que VE-TA considera que prefire non entrar e manterse na oposición". Os socialistas respectan a decisión e confían, en todo caso, na colaboración desta formación para un "novo ciclo" en Taboadela. 

Pola súa banda, o candidato de Ciudadanos, Roberto Blanco, explicou en declaracións a Europa Press que o acordo xorde co obxectivo de buscar "cambios de políticas e na forma de facer as cousas", logo de 47 anos de goberno da mesma persoa. Aínda que a intención inicial era contar co máximo de forzas políticas, coa incorporación de VE-TA, Blanco confía en que o acordo entre PSOE e Cs permita dar estabilidade ao Concello.

Comentarios