O PSOE gañaría en todas as cidades galegas menos en Ferrol e Pontevedra

Segundo a sondaxe da TVG

Día de votación. SEBAS SENANDE
photo_camera Día de votación. SEBAS SENANDE

O PSdeG lograría ser a forza máis votada en Vigo -onde renovaría a maioría absoluta- Ourense, A Coruña, Santiago e Lugo, mentres que o BNG podería lograr a maioría absoluta en Pontevedra e o PP sería a primeira forza en Ferrol, segundo os datos dunha enquisa a pé de urna realizados por GFK para a CRTVG.

A sondaxe constou de 1.800 entrevistas en cada unha das sete cidades. En 2015, o PSDEG unicamente logrou ser primeira forza en Vigo.

A enquisa mostra que o socialista Abel Caballero (alcalde desde 2007) podería revalidar a maioría absoluta cunha pinza de entre 19 e 21 concelleiros sobre 27; mentres que o nacionalista (BNG) Miguel Anxo Fernández Lores (alcalde desde 2003) podería lograr a súa primeira maioría absoluta ,cunha pinza de entre 13 e 15 concelleiros, segundo a enquisa difundida pola TVG.

En Ferrol, o PP, con José Manuel Rey, lograría ser de novo a primeira forza, cunha pinza de entre 10 e 12 concelleiros, aínda que dependería do resto de forzas para poder gobernar.

As formacións dos tres alcaldes das denominadas mareas, Marea Atlántica na Coruña, Compostela Aberta en Santiago e Ferrol en Común en Ferrol, sufrirían unha caída en concelleiras e situaríanse como terceira, segunda e terceira forza, respectivamente.

Deste xeito, a forza de Xulio Ferreiro, na A Coruña, lograría entre 6 e 7 concelleios, polos 10 que obtivo en 2015.

A primeira forza sería PSdeG de Inés Rei con entre 8 e 10 concelleiros, mentres que a candidata do PPdeG, Beatriz Mato, obtería entre 7 e 8 concelleiros e sería a segunda forza.

O BNG lograría entre 2 e 3 concelleiros, por un en 2015, e Cidadáns podería entrar, xa que as sondaxes outórganlle entre 0 e 1 concelleira.

Na capital galega, Martiño Noriega lograría entre 7 e 8 concelleiros polos 10 cos que conseguiu ser primeira forza en 2015.

Sería Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG) que xa foi alcalde e non se presentou a lexislatura pasada quen obtería o mellor resultado en Santiago, con entre 8 e 10 concelleiros fronte aos 4 do actual mandato.

O PP de Agustín Hernández volvería caer respecto de 2015 e pasaría de 9 concelleiros a unha pinza de entre 5 e 6 concelleiras.

Goretti Sanmartín (BNG) lograría unha subida para os nacionalistas, ao pasar de dous concelleiros a unha pinza de entre 3 e 4; mentres que María Vilas (Cs) estaría a se xogar entrar na corporación, con entre 0-1 concelleiras, segundo a enquisa.

En Ferrol, Jorge Suárez sería terceira forza con entre 3 e 4 concelleiras polos seis que conseguiu catro anos antes.

O PSdeG (Ángel Mato) lograría entre 8 e 10 concelleiros, por detrás de José Manuel Rey (PP), que conseguiría entre 10 e 12. O BNG tería entre 1-2 concelleiros, por 2 en 2015 e Cidadáns entre 0-1, por 1 hai catro anos.

En Lugo, Lara Méndez (PSdeG) lograría subir á primeira forza, con entre 8 e 10 concelleiras, por 8 en 2015 e o PP (Ramón Carballo) caería á segunda posición, con entre 7 e 8 concelleiras, por 9 hai catro anos.

O BNG podería ter unha importante subida ao pasar a 4 ou 5 concelleiros por 2 en 2015.

En Ourense, a terceira cidade galega en poboación, o PSdeG (Rafa Villarino) conseguiría ser a forza máis votada con entre 8 e 10 concelleiras, polos 6 que tiveron os socialistas en 2015; mentres que o PPdeG (Xesús Vázquez), que gobernou en minoría con 10 concelleiras, quedaría con entre 6 e 7 concelleiras.

Democracia Ourensá (Gonzalo Jácome) repetiría como segunda forza pero con entre 6-7 concelleiros, fronte aos 8 do actual mandato. 

Comentarios