O PSOE ve irregularidades no proceso de adxudicación da Casa do Maior de Arbo

O alcalde de Arbo e a Asociación Cooperativa Galega asinaron a finais de xaneiro un convenio de cesión

Horacio Gil. TWITTER
photo_camera Horacio Gil. TWITTER

O PSdeG presentará unha serie de preguntas na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia ante as súas sospeitas por irregularidades na adxudicación dunha vivenda en Arbo, en Pontevedra, a unha cooperativa para convertela na Casa de Maior deste municipio pontevedrés.

O alcalde de Arbo e a Asociación Cooperativa Galega asinaban a finais de xaneiro un convenio de cesión desta vivenda para o seu acondicionamento e posterior xestión dun servizo de axuda aos maiores de Arbo.

A cooperativa converterao nun centro de atención diúrno das persoas maiores para que poidan estar atendidas e ademais comprométese a empregar a persoas deste municipio para a atención e coidado personalizado dos seus residentes.

Os socialistas cualifican de "sorprendente” que o convenio de cesión a esa empresa fora asinado ao día seguinte da firma da resolución por parte da Xunta de Galicia, antes de que saíse publicado no DOG, e polo tanto, sen tempo material para que a empresa adxudicataria cumprise as demandas realizadas pola propia administración. “Sorprende esta utilización de información privilexiada”, insistiu Losada.

Os socialistas aseguran que ademais a presidenta desta Cooperativa é a responsable da Federación de Veciños de Eduardo Chao, María Pérez. “O PP parece premiar o labor de oposición ao concello de Vigo”, asegurou en relación coas críticas de Pérez ao goberno de Caballero. Losada pediu “transparencia” ante unha “concesión discutible”.

Comentarios