"Non sei o que puido pasar, os dous levábanse ben", di o pai dos irmáns de Rábade

O home, que fora á localidade o día do crime para buscar un dos seus fillos, soubo o sucedido cando chegou á contorna da casa 
Manuel Alonso. XESÚS PONTE
photo_camera Manuel Alonso. XESÚS PONTE

Manuel Alonso Rodríguez non se explica que puido pasar o pasado sábado no domicilio que os seus dous fillos compartían en Rábade para que un deles decidise acabar coa vida do outro. "Eu non estaba alí, non sei o que puido pasar, pero os dous levábanse ben", explica este home que, desde hai anos, reside en Lugo cun terceiro fillo. 

Sobre o día dos feitos, Manuel explica que fora a Rábade a buscar a Juan Carlos, "coa intención de que me acompañase a poñer unhas flores na tumba da súa nai", falecida o pasado 9 de outubro. 

"Estiven a dar unha volta polo pobo e cando cheguei ás inmediacións da casa atopeime con todo o balbordo de policías, garda civís, prensa. Cando preguntei que pasara e mo dixeron, levei a sorpresa naquel mesmo momento", afirma. 

Sobre a relación dos dous irmáns, Manuel di que se levaban ben, "vivían xuntos" no primeiro piso do edificio de tres plantas da familia materna. Insiste en que non sabe que puido pasar nin os motivos que levaron ao presunto fratricida a facer o que fixo, pero recoñece que se nun momento dado os dous irmáns chegaron ás mans, "José Luis é máis forte e Juan Carlos non o era tanto". 

Manuel espera agora a que os restos do seu fillo maior lle sexan entregados e poder fixar o funeral. "Ao piso non me permiten acceder e se que hai algunha documentación del que falta e que é necesario presentar para realizar os trámites para o enterro. Eu quero acabar canto antes con isto, pero de momento aínda non o podemos enterrar", sinala o home apesadumbrado.