Que idade parecen ter os nosos políticos?

Unha aplicación de Microsoft serve para determinar os anos que corresponden a un físico

Días  atrás vía a luz unha nova aplicación de Microsoft, How Old, que serve para determinar que idade corresponde a un físico determinado; é dicir, unha análise fotográfica revela, segundo as faccións, as engurras... se un ten en realidade máis ou menos idade da que aparenta.

Se o xoguiño terminou por converterse nun pesadelo para moit@s famos@s, con informacións repetidas sobre a idade que parecen ter nas súas peores instantáneas, nós quixemos darlle unha volta a esta historia e comprobar, no marco da campaña electoral de face ao próximo 24 de maio, como os nosos líderes políticos fan uso e abuso da súa imaxe: a clave dunha campaña moito antes que a palabra.

Liftings,  cabelos tinguidos, sorrisos profident ou candidatos que parecen ata 20 anos máis novos. Comunmente, crese que os políticos abusan do Photoshop en carteis e outro tipo de imaxes promocionais pero, é certo? Cantos anos aparentan os nosos políticos nas imaxes do seu día a día, segundo How Old? E cantos nas fotografías dos seus perfís en redes sociais ou de campaña?

Velaquí as respostas... E as sopresas!


 



O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, perde nin máis nin menos que 11 anos entre unha imaxe tomada nunha rolda de prensa tras un Consello recente e unha fotografía atopada na web do PPdeG tomada nun acto da presente campaña electoral. Con todo, o caso de Feijóo é curioso: incluso a máis benevolente das apostas supera a idade que ten en realidade e que podes comprobar na galería da parte inferior.

 



Moita menos diferenza observamos no caso de Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida, cuxa imaxe institucional achada na web da formación endosa dous anos á escollida entre o noso arquivo. De calquera modo, ambos os resultados sorprenden en comparación coa idade real. Podes comprobar máis abaixo o ben parada que sae a política galega nesta proba.


 



O caso de Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo, tamén é bastante sorprendente: perde dous anos menos na súa foto de perfil en Twitter con respecto a unha tomada nunha visita oficial, pero a aposta de How Old non ten nada que ver coa realidade. Falamos de moitos anos de diferenza. De novo, compróbao máis abaixo.



 



Caso tamén bastante resultón o do histórico nacionalista. Os que coñecen ben a Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova, saben que, aínda que veterano, quédalle un bo camiño para chegar á idade que dita a aplicación...


 



Se unha imaxe tomada no seu día a día xa rexuvenece ao alcalde de Santiago e candidato popular na cidade, Agustín Hernández, o seu perfil de Twitter faino aínda máis. Queres saber cantos anos ten en realidade? Búscao máis abaixo.


 



Ao rexedor olívico, Abel Caballero, que tamén se presenta á reelección, o cartel electoral quítalle un bo puñado de anos de encima. Tantos que entre a súa idade real e a que aparenta segundo a súa imaxe promocional hai case unha xeración! Descúbreo na fotogalería.

Comentarios