Louzán enfróntase este venres aos últimos flocos da operación Patos

Se resulta condenado, o expresidente da Deputación de Pontevedra tería que abandonar o seu cargo na Federación Galega de Fútbol
O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. AEP
photo_camera O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán. AEP

O xulgado do Penal 3 de Pontevedra acolle o venres a vista oral contra o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a exalcaldesa de Moraña e actual delegada da Xunta de Galicia na Boa Vila, Luisa Piñeiro, o entón director de infraestruturas da institución provincial e varios empresarios, polos delitos de fraude e prevaricación en relación con obras executadas no campo de fútbol de herba artificial do Buelo, no municipio morañés.

Rafael Louzán e Luisa Piñeiro. ADP
Rafael Louzán e Luisa Piñeiro. ADP

O xuízo, peza separada da operación Patos, procede de feitos ocorridos en 2013, cando o actual presidente da Federación Galega de Fútbol estaba á fronte da Deputación. A Fiscalía, a grandes liñas, asegura que os acusados se concertaron para abonar máis de 86.000 euros á firma Eiriña, matriz das citadas pescudas, por uns traballos que xa se realizaron na mencionada instalación deportiva de Moraña.

O fiscal pide penas de tres anos de cárcere para Louzán e Piñeiro, e idéntica pena para Enrique Pais, administrador de Eiriña Construcións, e para o entón director de infraestruturas da Deputación.

A acusación tamén esixe a inhabilitación de emprego e cargo público para os investigados, polo que se resultasen condenados, Louzán debería abandonar o seu posto á fronte da FGF e Piñeiro o seu na Xunta de Galicia.