A RAG pide un cambio educativo ante os efectos das "limitacións" ao galego

A institución declárase en sintonía coas recomendacións do Consello de Europa ao Estado e a Xunta 
Alumnos nun aula. ARQUIVO
photo_camera Alumnos nunha aula. ARQUIVO

O toque de atención do Consello de Europa ao Goberno central e á Xunta sobre a situación da lingua galega está a suscitar reaccións desde o ámbito político, social e cultural. A Real Academia Galega pronunciouse oficialmente este luns, a través dunha declaración na que insta o executivo de Alberto Núñez Feijóo a buscar un novo modelo educativo que asegure a vitalidade da lingua galega e respecte os dereitos dos seus falantes. 

O último informe do comité de expertos do Consello de Europa sobre o cumprimento dos compromisos do Goberno respecto da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas recomenda eliminar as "limitacións" existentes para impartir docencia en lingua galega, referíndose especificamente ao chamado decreto do plurilingüismo no ensino. 

Esta recomendación, xunto coa de modificar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso das linguas cooficiais nos procesos a petición das partes ou de mellorar o uso destas na administración, vai "na liña das demandas" expresadas pola Real Academia, como fixo constar ao comité de expertos. De feito, a propia RAG pediulle que aprobase unha recomendación específica para que a Xunta "remova os obstáculos" á oferta formativa en lingua galega. 

Segundo recorda, o Estado español está adherido a ese tratado para protexer os dereitos dos falantes das linguas europeas e cumprila "nos seus termos máis amplos". O texto, no seu artigo 8, compromete ás autoridades a ofrecer unha liña de educación preescolar e de ensino primario, secundario, técnico e universitario en lingua galega. 

"É hora de honrar os compromisos contemplados na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias", di a RAG 

"Este compromiso non só foi incumprido, senón que a normativa sobre o uso do galego no ensino vixente no noso país desde 2010 atópase en flagrante contradición con el, ao restrinxir este uso a un máximo do 50 por cento do currículo e excluíndoo totalmente de materias como as matemáticas, a física ou a química", segundo advirte a institución.

"HONRAR" OS COMPROMISOS. A entidade presidida por Víctor Freixanes engade, ademais, que tanto os datos sociolingüísticos dos últimos anos como os estudos sobre a evolución do coñecemento do galego constatan o "alarmante retroceso" na poboación e na mocidade e "pon de relevo" os "negativos efectos das limitacións de uso" no sistema educativo. 

Por todo iso, a Real Academia Galega "congratúlase do acordo" do Consello de Europa e insta as autoridades do Estado e, "especialmente, da comunidade autónoma" a seguir as recomendacións trasladadas no informe. "É hora de honrar os compromisos contemplados na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias para que Galicia se dote dun modelo educativo que garanta os dereitos dos galegofalantes e asegure a vitalidade do noso idioma", conclúe. 

Comentarios