Rajoy pide reformas en España e di que desde a súa saída non se fixo nada

Avoga polo consenso político nos grandes asuntos de Estado
Mariano Rajoy y Alberto Núñez Feijóo, en Santiago. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, en Santiago. LUíS POLO (AGN)

O expresidente do Goberno Mariano Rajoy, que participou nun acto pola presentación do seu libro Una España mejor en Santiago de Compostela, asegurou que España "necesita reformas" e que desde que se aprobou a moción de censura contra o seu goberno, "non se fixo nada". "Non só non se aprobou un orzamento, nin sequera foron capaces de aprobar unha soa reforma", declarou Rajoy, que considera fundamental que se acometan e que non se derroguen as reformas económicas que funcionaron ata agora".

No seu discurso, que seguiron atentamente máis de 600 persoas, congregadas no Auditorio Abanca da capital galega, Mariano Rajoy avogou polo "consenso" político nos "grandes asuntos de Estado" e afirmou que "nos grandes temas nacionais" cunha referencia especial ao tema catalán, "é absolutamente prioritario o acordo entre os grandes partidos nacionais".

En relación ás negociacións de investidura, o expresidente cualificou como "un disparate" o feito de que se tome "calquera tipo de decisión sobre temas que corresponden á soberanía nacional sen contar co principal partido de oposición, que representa a moitos millóns de españois".

"A responsabilidade de ser presidente esixíame o deber de contar a miña versión dunha parte da nosa historia en común"

Rajoy considerou que cando houbo acordo entre grandes partidos "as cousas sempre foron ben" e puxo como exemplos de consenso a "loita contra o terrorismo, o proceso de sucesión da Coroa, a defensa da unidade de España, ou a aplicación do artigo 155".

En referencia a este, Rajoy asegurou que os dous últimos capítulos do seu libro versan sobre este asunto e neles trata de explicar por que se tomaron "determinadas decisións" e por que se tomaron nun momento determinado "e non antes ou despois", así como por que decidiron disolver a cámara catalá. "As decisións sobre os temas importantes tómanse logo de pensalo moito, de darlle moitas voltas, de escoitar a moita xente, non son decisións que se toman nun cuarto de hora. Creo que o explico e fágoo con bastante detalle", declarou. 

Rajoy recordou que "ata hai moi pouco tempo ninguén sabía que era o artigo 155" e que "non había xurisprudencia nin doutrina", pero que agora "si hai algo" e agora "todo o mundo sabe, incluído os independentistas, que a nación española ten na súa Constitución instrumentos para defenderse cando é atacada".

Una España mejor' enfila a súa cuarta edición

No seu discurso, o expresidente tamén sintetizou outras ideas importantes, ou como el mesmo expresou, "conviccións", que son produto das súas "experiencias" na vida política, que "poden ter unha certa utilidade para o futuro". Entre elas, ademais da necesidade de consenso para temas de Estado e da necesidade de reformas, sinalou a importancia de controlar "as contas públicas", xa que as Administracións "non poden gastar o que non teñen"; a preservación da independencia como presidente, ter "un criterio formado sobre o importante", "escoitar á xente" e actuar pensando "no interese xeral".

"Un gobernante debe ter conviccións pero a primeira obrigación é saber en que terreo se move. Non descoñecer ou obviar a realidade. Toda realidade ignorada, prepara a súa vinganza", afirmou Rajoy, que explicou que ao chegar ao Goberno o seu partido tivo que tomar tres decisións que "ninguén pensaba" que ían tomar, como foron "subir os impostos, nacionalizar unha parte do sistema financeiro e facer unha xigantesca operación de débeda pública".

En canto ao seu libro, que durante o acto anunciouse que xa vai pola cuarta edición, o presidente declarou tivo a idea de realizalo porque ao longo da súa traxectoria como presidente nunca elaborou un diario nin tomou notas "para levalas a un escrito ao cabo dun tempo" e que o que contén Una España mejor é froito dun "gran esforzo de memoria". 

Rajoy defende a súa decisión de contar por escrito a súa "versión" dos seus anos de Goberno

"A responsabilidade de ser presidente esixíame o deber de contar a miña versión dunha parte da nosa historia en común, un período que non foi intranscendente", declarou Rajoy, que considera que se "non achegaba a súa versión do que entón sucedeu, "outros poderían facelo" no seu lugar, e, segundo o expresidente, é "evidente" que se trata mellor "a si mesmo" que como o poderían facer outros. 

O libro de Rajoy, "unha análise da última etapa de Goberno de España do Partido Popular", trata temas como a economía española, as reformas que acometeu o PP, o emprego, os avatares que viviu a UE, Grecia, o brexit ou a inmigración, "un dos temas que máis deben preocupar aos dirixentes políticos e aos gobernantes nos próximos anos", segundo comentou. 

Pero ademais diso, no seu primeiro capítulo, o libro ten mencións directas aos seus comezos na política e a Galicia en particular, cos que pretende "explicar con que bagaxe, traxectoria e experiencia" asumiu a responsabilidade de ser presidente do Goberno. 

O acto foi presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que Rajoy definiu como "un de bos políticos que aínda quedan en España" e asegurou "sentirse orgulloso" de que sexa o presidente dos galegos.

Comentarios