Ratifican a liberdade provisional ao condenado a 11 anos por abuso a unha menor

Fíxose pasar por un chamán para abusar sexualmente de forma continuada da filla duns amigos

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña acordou que Emilio Manuel C. B. condenado a pasada semana a 11 anos de cárcere que se fixo pasar por un chamán para abusar sexualmente de forma continuada dunha menor, filla duns amigos, siga en liberdade provisional.

Nun auto ao que tivo acceso Efe con data 23 de xullo, a maxistrada rexeita o ingreso en prisión e as comparecencias diarias solicitadas pola Fiscalía na vista posterior á condena, medidas ás que se adheriu a acusación particular, que tamén solicitaba o pago dunha fianza.

O tribunal decide, en cambio, ampliar as comparecencias ante os xulgados a un período semanal, retíralle o pasaporte e a saída do territorio nacional, xa que considera "suficientes e adecuadas" as medidas xa impostas. Ademais, ratifica a prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante sete anos e obrígao a asistir a programas formativos de educación sexual e a prohibición durante ese período de desempeñar actividades profesionais que impliquen o contacto directo con menores.

A maxistrada que asina o auto sostén que os feitos polos que foi condenado ocorreron no ano 2013 e o acusado permaneceu en liberdade desde entón, xa que unicamente foi detido pola garda civil e posto en liberdade tras a súa declaración ante o xulgado. Naquel momento decretouse a súa liberdade provisional, con obrigación de comparecer o primeiro e terceiro venres de cada mes ou día seguinte hábil caso de ser festivo.

Tamén se acordou nesa data a prohibición de achegamento a menos de 200 metros da menor, tanto ao seu domicilio, como ao centro escolar e a calquera tipo de comunicación coa mesma; directamente ou por persoa interposta.

O auto sinala que "aínda cando a sentenza condenatoria pendente de recurso non é desde logo un dato irrelevante (...) debe valorarse tamén o longo período de tempo que permaneceu en liberdade, no que non xurdiu incumprimento ningún das medidas xa impostas, polo que consideramos que neste caso procede ampliar as medidas adoptadas e establecer outras medidas menos gravosas que a solicitada con carácter principal".

O acusado prevé recorrer en casación a condena, en tanto que a Fiscalía e a acusación particular prevén presentar un recurso de súplica ante a Audiencia para que entre en prisión, indicaron a Efe fontes xurídicas. Na sentenza comunicada o pasado 19 de xullo, ademais, a Audiencia Provincial absolveu á nai da menor a quen a Fiscalía consideraba cooperadora necesaria do delito continuado de abusos sexuais e solicitaba que fora sentenciada a 11 anos e medio de prisión ou, na súa falta, a seis meses de cárcere por tolerancia da corrupción da súa filla.