'Los ratones de Dios', a historia do electricista que roubou o Códice por vinganza

O xornalista Luis Rendueles retrata nun litro a investigación que permitiu recuperar o incunable subtraído da catedral de Santiago

El Códice Calixtino. EP
photo_camera O Códice Calixtino. EP

No caloroso mes de xullo de 2011 os cóengos da catedral de Santiago déronse conta de que faltaba o Códice Calixtino. O culpable único da subtracción desta reliquia acabou sendo un electricista, hoxe ingresado por un derrame cerebral, que entón pecou por desquite.

A desaparición desta xoia bibliográfica do arquivo do templo que preside a praza do Obradoiro, meta de todo peregrino, tivo unha enorme transcendencia mediática e son moitísimas as liñas que desde entón se redactaron acerca desta apropiación indebida cun móbil que o autor non dubidou en confesar: vinganza porque na seo xa non querían contar máis cos servizos que prestaba desde había dúas décadas como autónomo.

O xornalista Luis Rendueles, baixo un rechamante título, Los ratones de Dios (AlRevés), quixo plasmar nun libro a historia de todo ese tempo no que faltou a peza literaria de valor incalculable considerada a primeira guía de viaxes do mundo. Como o mesmo autor desvela, a súa obra é, en suma, un retrato da investigación policial que permitiu recuperar este incunable, ata daquela bastante descoñecido, pero cuxa falta, en canto se soubo a súa historia, conmocionou toda a sociedade española e incluso internacional.

Para levar o lector a eses doce meses de investigación intensa, o comunicador basea a súa narración en documentos policiais e xudiciais e, en varias ocasións, reconstrúe ademais en estilo directo os diálogos que el mesmo consultou neses textos para darlle maior viveza á narración.

Tamén recolle nas súas páxinas entrevistas persoais con todos os protagonistas principais, entre os que se atopa o xuíz José Antonio Vázquez Taín, o encargado de chegar ata o fondo da cuestión, que tamén é coñecido en Galicia por dirixir as investigacións do crime da nena Asunta e, moito antes, pola súa persecución ao narcotráfico.

Cun relato fluído e directo ao gran, como é o proceder do propio Vázquez Taín, o tratado de Rendueles traslada o lector de inmediato ao punto de vista da inspectora Ana, membro dun dos grupos da Brigada de Patrimonio Histórico da Policía Nacional, corpo clave no operativo despregado. O seu responsable, o inspector xefe Antonio Tenorio, que estivo á fronte do caso, non deixa de estar presente nunhas liñas nas que o autor lle agradece expresamente a súa colaboración e admite que "ten unha débeda con el que non poderá pagar".

As pescudas destes seres reais, unhas investigacións que terminaron por sinalar ao especialista en instalacións eléctricas, desvelaron así mesmo que, entre outros trapos sucios, na catedral había individuos" que levaban anos roubando o diñeiro dos peregrinos, feitos que os sacerdotes que alí traballaban nunca denunciaran. "Onde hai queixo, sempre hai ratos", expón Rendueles que lle respondeu o deán da catedral á inspectora cando lle preguntou por estes delitos, frase que explica á perfección o título da obra.

Non faltan tampouco no libro numerosas referencias ao Códice Calixtino, textos que o autor encaixa na trama, que inclúe á parte abundante documentación gráfica con fotografías de todo tipo: o lugar onde se gardaba o manuscrito do século XII, planos elaborados pola policía, gravacións da cámara oculta, diñeiro e obxectos atopados na casa do culpable.

En todo momento está presente o electricista Manuel Fernández Castiñeiras, Manolo, condenado a dez anos de prisión, que o Tribunal Supremo reduciu a nove, e que fora despedido. O escritor mostra descricións exhaustivas del, e do seu xeito de actuar, que estaba lonxe de ser a dun astuto ladrón profesional.

Todas as reviravoltas deste caso envolvido nun halo de misterio, chantaxes, vinganzas; e todos os segredos sobre a metodoloxía seguida para descartar aos sospeitosos e recuperar o Códice sen danos, aparecen no traballo do exsubdirector da revista Interviú.

Non é a primeira vez que o xornalista Luís Rendueles (Gijón, 1967) se lanza a indagar nas pescudas dun impactante suceso para escribir un libro, porque xa o fixo outras veces, como ocorre co texto que confeccionou co seu compañeiro Manuel Marlasca, Así son, así nos matan, sobre crimes famosos e estremecedores, ou Una historia del 11-M que no va a gustar a nadie.

Agora é a quenda de Los ratones de Dios, centrado nun Códice que apareceu o 4 de xullo de 2012 nun garaxe situado no lugar do Milladoiro, próximo á capital galega e propiedade do único encarcerado, agora ingresado nun hospital pola súa grave doenza, pois xa hai anos sufrira un ictus.

Comentarios