Rebaixan a condena a unha parella que intentou introducir droga en Teixeiro

O TSXG estima que as cantidades de diversas sustancias incautadas era "escasa"
Cárcel de Teixeiro. AEP
photo_camera Cárcere de Teixeiro.AEP

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou a dous anos e seis meses de prisión a condena a un interno do centro penal de Teixeiro e á súa parella por intentar introducir droga nas instalacións para destinala á súa venda.

Os feitos sucederon en xuño de 2017, cando a acusada lle entregou ao seu compañeiro sentimental durante un encontro no penal resina de cannabis, cocaína e heroína, informa o TSXG nun comunicado.

A pena imposta inicialmente pola sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña era de catro anos e medio de cárcere a cada un dos investigados por cometer un delito contra a saúde pública executado con sustancias que causan grave dano á saúde.

Con todo, o alto tribunal galego entende que a pena fixada na sentenza de primeira instancia "non está correctamente calculada" pois debido a que a cantidade de droga incautada era "escasa", a pena que pode imporse é de entre 1 ano e medio e 3 anos de cárcere.