Recoñece que abusou da súa veciña de 11 anos nun ascensor de Portonovo

Foi condenado a dous anos de prisión, aínda que podería esquivar o cárcere por carecer de antecedentes

El autor confeso de abusar de una niña de 11 años esapa de los medios.JAVIER CERVERA
photo_camera Exterior da Audiencia de Pontevedra. AEP

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a dous anos de prisión a Manuel P. P., un home fincado en Portonovo que recoñeceu abusar da súa veciña, de 11 anos, no interior dun ascensor.

O condenado poderá esquivar o cárcere pola súa ausencia de antecedentes penais, a condición de que abone os 3.000 euros en concepto de responsabilidade civil polos danos morais causados á vítima.

O caso, que procede do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados, recolle uns feitos que ocorreron no ano 2016. Segundo relata o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado abordou no portal a unha veciña súa, de 11 anos de idade.

Cando a nena se dispoñía a abrir o portal do edificio para ir a clase este home preguntoulle onde se dirixía e canto tempo tardaría en volver, ao que ela respondeu que estaría unha hora fóra.

AGRESIÓN NUN ASCENSOR. Foi entón cando, segundo recolle o escrito do fiscal, "co propósito de satisfacer os seus desexos sexuais, agarrou á menor polo brazo e conduciuna cara ao ascensor, que estaba aberto", dicíndolle que "só é un momento" e levándoa á quinta planta do edificio que se atopaba deshabitada a maior parte do ano.

A nena conseguiu escapar e 'abandonou apresuradamente o edificio chorando moi asustada'

"Durante todo o traxecto de subida, o acusado suxeitou firmemente á menor polos ombreiros e comezou a bicala de maneira continuada por distintas zonas da súa cara, fazulas, nariz e fronte, provocando un estado de temor na vítima incapaz de calquera reacción", prosegue o escrito de acusación.

A nena conseguiu escapar ao saír primeiro o home do ascensor podendo ela pulsar o botón da planta baixa tras o cal "abandonou apresuradamente o edificio chorando moi asustada", finaliza a Fiscalía.

Ademais da pena de dous anos de prisión, o tribunal provincial impúxolle a prohibición de achegarse á menor e a de comunicarse con ela por calquera medio en tempo superior a dous anos.