sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Gonzalo Caballero: "Non pode pilotar a reconstrución quen recortou e privatizou 11 anos"

Gonzalo Caballero
Gonzalo Caballero, no parque de Bonaval, en Santiago. PEPE FERRÍN
O líder dos socialistas galegos retoma a campaña electoral convencido de que ten idénticas opcións de conquistar a Xunta que o 5-A, xa que, segundo explica, a pandemia evidenciou as carencias da xestión sanitaria e social de Feijóo. A clave, avisa, é mobilizar o voto da esquerda

Tres meses e unha pandemia despois, vese con máis, menos ou as mesmas opcións electorais?
Cando se suspendeu o proceso do 5-A os socialistas encarrilábamos un cambio político en Galicia, convencidos de que se daban as condicións para un goberno progresista cun presidente socialista. Coa pandemia parouse a actividade electoral e política e agora reiniciamos esta fase co convencemento de que todos aqueles que nos votaron en 2019 e nos ían votar en abril seguen crendo nese proxecto progresista. A clave é mobilizar o electorado e se o conseguimos, haberá cambio.

As enquisas póñenllo algo máis difícil agora que en marzo.
As enquisas naquel momento reflectían que o cambio estaba ao alcance das nosas mans e agora o que din e que segue habendo unha maioría de progreso en Galicia. Por iso o reto é mobilizala, xa que o Covid-19 pode aumentar a abstención. Ademais, o PSOE estatal demostrou que sabemos defender a cidadanía ante unha crise.

Convénceo xa a data electoral?
Feijóo publicou no DOG que convocaría as eleccións despois de levantar o estado de alarma e rachou os acordos. Seguimos pensando que poderían celebrarse a principios de setembro, pero son o 12 de xullo e o reto é acadar un goberno de progreso que poña fin a 11 anos de recortes, retrocesos e desfeitas do PP en Galicia.

Ve seguro votar o 12-X?
O presidente da Xunta convocou unilateralmente as eleccións polo seu interese persoal así que terá que garantir que todos os galegos poidan votar con normalidade. Non podemos sufrir un retroceso democrático nunhas eleccións tan importantes como estas, nas que Galicia se xoga o seu futuro.

Feijóo dixo que había políticos metendo medo aos maiores para que non foran votar. Séntese aludido? 
En absoluto. Agardo que todo o mundo poida votar. Gústame a democracia, o debate electoral e a participación, a diferenza do que lle ocorre a Feijóo.

Finalmente non houbo acordo para reducir a campaña.
Nós defendemos a democracia e a lexislación establece unha duración mínima das campañas en España e en Galicia, e supoño que ninguén tentaría aproveitar unha convocatoria para recortar os mecanismos democráticos.

Como adaptará o PSdeG a campaña á nova realidade?
Haberá que tomar todas as medidas de precaución e seguir os protocolos existentes. Igual que o país avanza cara a normalidade en moitos ámbitos, tamén a campaña debe facelo.

Mudará tamén a mensaxe do seu partido tras o coronavirus?
Feijóo, en once anos, destriuíu 70.000 empregos, recortou en 2.000 millóns o investimento sanitario, eliminou 500 camas nos hospitais, precarizou o traballo, reduciu o peso da industria e do sector primario e privatizou os servizos sociais, todo isto nunha Galicia con menos xente e menos futuro para os mozos. O cambio era imprescindible o 5 de abril e, despois desta crise, é máis necesario que nunca, porque aqueles que recortaron, reduciron e privatizaron non poden pilotar unha etapa de reconstrución na que vai haber moitas dificultades. A nosa receita non deixará a ninguén atrás.

Se antes do 5-A era necesario o cambio logo desta crise aínda máis; a clave para conseguilo, o gran reto, é a mobilización

Vostede pediu un cara a cara con Feijóo e ao final o que vai haber é un debate a sete na TVG, o máis numeroso dunhas autonómicas.
Feijóo foxe continuamente do debate co partido que lidera a oposición. Eu pedinlle que asumira dous cara a cara conmigo e outros tres debates con todas as forzas, pero el prefire pasar de puntiñas para non responsabilizarse da súa xestión durante estes once anos e, ao mesmo tempo, non dar explicacións do que ocorreu nas residencias de maiores nesta crise. Feijóo está nunha estratexia de confrontación co PSOE porque non ten proxecto para este país, está agochado e non ten a coraxe política de debater conmigo.

Fragmentará Marea Galeguista aínda máis o voto na esquerda?
Eu dedícome a convencer os galegos para que o PSOE teña un resultado maioritario, como ocorreu nas convocatorias de 2019. Esa foi sempre a miña folla de ruta e agardo que os demais sexan responsables das súas decisións.

Virá Pedro Sánchez á campaña?
A miña relación co presidente do Goberno e secretario xeral é moi fluída e constante e toda a dirección do partido nos trasladou o seu apoio para estas eleccións, que será tamén presencial.

Que lle di aos que aseguran que a Sánchez lle interesa manter a Feijóo en Galicia como contrapeso interno a Pablo Casado?
Todo o PSOE sabe que Feijóo é un subordinado de Casado na estratexia de confrontación do PP co Goberno de España e que foi altamente irresponasble nesta crise. Os socialistas coñecemos ben a dereita, tanto na versión de Casado como na de Feijóo, que intenta parecer un Gallardón pero que representa a mesma dereita rancia e conservadora. Feijóo é herdeiro político de Romay Beccaría e fillo político do Executivo de Aznar e a prioridade de todo o PSOE e pórlle fin ao seu Goberno na Xunta. E así o trasladou Pedro Sánchez.

Feijóo está agochado e non ten a coraxe dun cara a cara cmigo para non dar explicacións desta crise e destes once anos 

Aproba a xestión da pandemia por parte do Goberno central?
O Executivo tomou decisións de moito calado, extraordinarias e inusuais, pero imprescindibles, como decretar o estado de alarma e o confinamento. A posteriori todos sabemos que se puideron facer cousas mellor en todo o mundo, pero o Goberno logrou frear o contaxio masivo e construír un escudo protector que é fundamental. A diferenza de cando gobernaba a dereita, que decidía salvar os bancos e non a cidadanía, agora un Goberno socialista pagou os Erte directamente a 270.000 galegos, deulle axudas a 70.000 autónomos, aprobou o ingreso mínimo vital, prohibiu os cortes de luz e os desafiuzamentos… Ese escudo protector, sen apoio do PP, é unha garantía e a mostra dun Goberno á altura das circunstancias.

Gonzalo CaballeroPero non se actuou tarde?
A posteriori é fácil corrixir os erros, pero unha semana antes de declarar o estado de alarma ningunha forza esixía medidas deste calado. Temos que aprender disto. A Xunta sostén que se anticipou. Feijóo, na súa estratexia de mentiras compulsivas, crea un relato falaz da realidade. Pedro Sánchez anunciou o estado de alarma o 13 de marzo ás 15.30 e catro horas despois saíu Feijóo en rolda de prensa anunciando a emerxencia sanitaria en Galicia. E dous días antes estaba con 500 militantes do PP en Ferrol. E unha semana despois os concellos aínda non recibiran material e, cando chegou, estaba caducado de 2014. E engadámoslle que o 23 de marzo a Xunta cesou a xefa de Cirurxía Plástica e Reparadora de Vigo porque pedía mecanismos de protección para os médicos. Así que desgraciadamente o PP tampouco se anticipou en Galicia. Eu non lle esixo a Feijóo que o fixera porque ningúen o fi xo, pero repróbolle que tentara facer un relato falaz, porque ao final onde máis problemas houbo foi nas residencias e na sanidade, que son as súas competencias.

Por que cre que houbo tantos contaxios nas residencias?
Desde que chegou Feijóo á Xunta optou por un modelo de privatización nas residencias de maiores e evitou aplicar os mecanismos de control que verificaban a execución das normas. O PP galego tivo connivencia con certas empresas de xeriátricos nas que o negocio se puxo por riba das garantías. Esta crise evidenciou que houbo deci sións que esixen unha investigación; debémosllo ás familias e ás víctimas e o Goberno que eu presidirei comprométese a abrir esa investigación no Parlamento.

Os datos galegos, no conxunto do Estado, non son malos. Incluso Fernando Simón os louvou
Efectivamente o nivel de contaxio en Galicia foi menor porque o virus circulou moito menos e só levaba tres ou catro días cando o Goberno decretou o confinamento. Así que se calculamos o número de contaxios en función do pouco que circulou o virus, os datos son máis preocupantes. Desde o Goberno actuouse con responsabilidade e non se fi xo caso de abandonar o estado de alarma o 3 de maio, cando o pedía Feijóo. E sobre Simón, el destacou que hai bos profesionais sanitarios, pero non fi xo ningunha valoración dun Feijóo ao que dixo que nin sequera coñecía.

Agora, a posteriori, é moi fácil corrixir os erros, pero aquí ninguén se anticipou: a Xunta está a crear un relato falaz disto

Hai 'madrileñofobia' en Galicia?
Feijóo non para de dar bandazos. Pedía levantar o estado de alarma a principios de maio, cando suporía un risco, e agora teme a mobilidade. Hai que garantir que cando se abra a mobilidade interna se faga con garantías.

Gonzalo Caballero: "Non pode pilotar a reconstrución quen recortou...
comentarios