Recuperar calado: o reto das dragaxes

Portos de Galicia traballa na extracción de material de solo mariño para manter a operatividade dos portos autonómicos e permitir o acceso de maiores buques e con maior seguridade sen afectar ao entorno ambiental 
A dragaxe no Porto de Meira tivo un orzamento de 243 mil euros. DP
photo_camera A dragaxe no Porto de Meira tivo un orzamento de 243 mil euros. DP

A extracción de material do solo mariño para manter a operatividade dos portos autonómicos e permitir o acceso de maiores buques e con maior seguridade é unha das liñas de traballo de Portos de Galicia a curto, medio e longo prazo. A planificación, tramitación e execución desta tarefa é unha das actuacións máis delicadas que require a xestión do sistema portuario galego.

A Administración portuaria asume a necesidade de compatibilizar a ampliación de calados nas dársenas para que poidan operar barcos profesionais e buques comerciais cada vez máis grandes e con maior calado co respecto ao entorno medioambiental do litoral.

A protección da contorna ambiental das zonas para dragar está regulada por normativa internacional, europea, estatal e autonómica, que teñen variado nos últimos tempos.

Ainda que os rexistros históricos de operacións de dragaxe en España iniciáronse en 1975, as primeiras normativas estatais proceden de acordos internacionais dos anos 90 -Convenio de Londres, Convenio Ospar (Oslo e París) ou Convenio de Barcelona-.

Pola súa banda, a Lei de Costas de 1988, prohibe a explotación económica da area das dragaxes a Comisión Europea na Decisión 2000/532/CE e posteriores modificacións inclúe os produtos de dragaxe na Lista Europea de residuos polo que obriga á súa axeitada xestión.

Así, ambas normativas obrigan a Administración portuaria a asumir a planificación, tramitación e execución do 100% das actuacións de dragaxe seguindo procedementos regrados especialmente garantistas para a protección do medio ambiente.

Pola sua banda, a Lei 5/1994 recolle a creación do ente público Portos de Galicia outorgándolle as competencias nas obras de mellora das infraestruturas portuarias, entre elas, as dragaxes.

Como consecuencia de todo o anterior, no arranque do século XXI Portos de Galicia ten ante si un eixo de traballo estrutural coas dragaxes para recuperar ou obter maiores calados practicamente na metade dos 122 portos que conforman o sistema portuario galego.

A necesidade destas actuacións derívase de anos de acumulación de sedimentos sen dragaxes; de novas dinámicas mariñas xeradas por obras marítimas ou cambios nas condicións da contorna natural do porto, ou pola mellora da frota pesqueira de Galicia (barcos e buques de maiores dimensións que tamén precisan de maior calado).

Por tal motivo, no ano 2000 iniciouse un traballo de planificación e tramitación das actuacións máis urxentes de dragado e, nos últimos vinte anos, realizáronse 57 dragados cun volume de máis de 1.375.389 metros cúbicos, o equivalente a case 200 campos de fútbol cun espesor medio de dragaxe dun metro.

En moitos casos, trátase de dragaxes de pequena entidade, xa que salvo os efectuados en portos como Ribadeo, Burela ou Brens (Cee) que superan o volume de 100.000 metros cúbicos, a maioría dos acometidos nestes últimos anos están comprendidos entre os 3.000 e os 25.000 metros cúbicos cada un.

Os áridos extraídos nos procesos de dragaxe foron reutilizados nun 54% e nun 46% foron depositados en puntos autorizados.

En trámite. Actualmente existe necesidade de dragaxe en, polo menos, 39 portos de Galicia: A Pobra, Aguiño, Aguete, Arcade, Ares, Barallobre, Burela, Camelle, Cesantes, Combarro, Camariñas, Cabo de Cruz, Cariño, Cedeira, Corcubión, Escarabote, Espasante, Fisterra, Foz, Lorbé, Malpica, Miño, Moaña, Noia, Ortigueira, Pedras Negras, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Meloxo, O Barqueiro, Palmeira, Portosín, Ribadeo, Rianxo, Sada, Santo Tomé, Testal e Tragove

Hai que ter en conta que hai 16 portos con necesidades periódicas de dragaxe como son Ribadeo, Foz, Burela, Ortigueira, Barqueiro, Ares, Miño, Laxe,Muxía, Testal, Rianxo, Bueu, Cesantes e A Pasaxe, Espasante e Cariño.

Na actualidade están en execución as dragaxes de Laxe e Carril; en fase de tramitación ambiental as dragaxes de Ribadeo e Cariño, e en fase de planificación previa 37 dragaxes (A Pobra, Aguiño, Aguete, Arcade, Ares, Barallobre, Burela, Camelle, Cesantes, Combarro, Camariñas, Cabo de Cruz, Cedeira, Corcubión, Escarabote, Espasante, Fisterra, Foz, Lorbé, Malpica, Miño, Moaña, Noia, Ortigueira, Pedras Negras, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Meloxo, O Barqueiro, Palmeira, Portosín, Rianxo, Sada, Santo Tomé, Testal e Tragove).

             Portos

Aproveitamento: Portos introduce nos seus proxectos o concepto 'Working with nature'

Trátase dun criterio que propón aproveitar os procesos e comportamentos ambientais da natureza 

Maximizar oportunidades e reducir frustracións. O concepto Working with Nature que está a experimentar un auxe global na planificación e deseño de actuacións marítimo portuarias, é un proceso integrado que inclúe un modo de traballo orientado a identificar e desenvolver solucións win-win (éxito para todas as partes) no tocante ao respecto á natureza e os intereses empresariais.

Trátase dun concepto que debe aplicarse nas fases iniciais de deseño dos proxectos de modo que permitan maximizar as oportunidades e reducir as frustracións, entendidas como retrasos ou custes engadidos. Deste xeito serán obras máis rendibles que permitan ademáis mellorar as condicións ambientais da contorna.

‘Working with nature’ é un criterio que vai máis aló de evitar ou mitigar o impacto ambiental dun proxecto. Máis ala, propón aproveitar os procesos e comportamentos ambientais naturais no deseño do proxecto optimizando as súas posibilidades para a consecución dos obxectivos pretendidos. Portos de Galicia está a integrar este concepto de beneficio mutuo para a contorna medioambiental e as necesidades portuarias no deseño dos seus proxectos de maior envergadura, especialmente aqueles cun marcado carácter ambiental como as obras de dragaxe.

Os traballos comezan coa avaliación do impacto ambiental

O primeiro paso na tramitación das dragaxes é estudar o solo e a repercusión sobre o medio natural

Detrás das dragaxes hai un longo proceso administrativo que consta de varias fases e comeza coa caracterización do solo e a realización de estudios ambientais.

Deste xeito, os primeiros pasos na tramitación das dragaxes pasan pola medición dos calados, a análise das necesidades e a determinación do ámbito de dragaxe, a detección de posibles afectacións, a cubicación do volume de dragaxe e a caracterización do tipo de material a dragar (areas, limos, rocha...).

As operacións de dragaxe producen grandes cantidades de material que precisa ser xestionado. Os custes da fase de depósito deste material constitúen unha parte moi importante do custe total da dragaxe polo que a elección da alternativa será decisiva para determinar a viabilidade do proxecto.

A preocupación polo medio ambiente obriga a procurar a reutilización do material dragado e unicamente proceder ao seu depósito no mar cando non existe posibilidade de aproveitamento.

Nesta fase de estudos ambientais inclúe tamén a caracterización da zona de dragaxe, a busca e caracterización das zonas de aproveitamento ou depósito do material extraído, a prospección de fondos, estudos bionómicos do hábitat, estudos de repercusións sobre espazos da Rede Natura 2000 e de dinámica litoral e dispersión, prospeccións arqueolóxicas, o informe de compatibilidade coa estratexia mariña e a elaboración do Estudo de Impacto Ambiental ou Documento Ambiental segundo proceda a avaliación de impacto ambiental da actuación.

Estas análises enfócanse a analizar aspectos como a calidade da auga ou a saúde, tanto ecolóxica coma humana. Rematados os estudos ambientais procédese á tramitación ambiental, que inclúe o procedemento de consulta a organismos competentes e afectados.

Unha vez superada esta fase, iniciase a tramitación administrativa (redacción do proxecto, licitación e contratación e tramitación do inicio das obras) que da paso ao comezo da execución das obras.

O prazo de execución dos traballos de dragaxe vai moi ligado ao tipo de material que se draga e á localización dos puntos de depósito ou aproveitamento e, en consecuencia, á distancia e condicións de navegabilidade do periodo dos traballos.

Ademais, en ocasións, a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) esixe ou marca a execución dos traballos en determinadas ventadas ou periodos temporais onde se reduce a afectación ao entorno, por exemplo, en base aos tempos de reprodución ou aniño de especies.

Así , o proceso de tramitación previa dunha obra de dragaxe sen necesidade de avaliación de impacto ambiental pode prolongarse máis de 2 anos mentres que no caso de que fose necesario tramitar unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, coa correspondente emisión de Declaración de Impacto Ambiental, pode extenderse máis de tres anos. Ao longo de todo o proceso de tramitación interveñen arredor dunha vintena de organismos dependentes das administracións estatal, autonómica e local.

A dragaxe do porto de Laxe, pendente de finalización, precisou dun orzamento de 3,7 millóns de euros

Co dragado do porto de Laxe extraeuse rocha. Ademais das operacións habituais, requeríu do deseño da malla de voladuras dimensionada e axeitada para evitar afectacións.

Dragado Laxe

Esto encareceu e dilatou considerablemente a execución dos traballos, que comenzaron en outubro de 2019. Na foto, a pontona sobre a que se sitúa o carro perforador onde posteriormente, mediante buzos, tanquearase o explosivo que fractura a rocha.

Planificación: Servizo global de estudos do medio
Portos de Galicia entende que a planificación técnica e ambiental das actuacións de dragaxe pode ser un factor decisivo á hora de dar resposta aos problemas de operatividade que lastran a actividade portuaria e, polo tanto, a economía do sector.

Prego de condicións Baixo este eixo de actuación, o ente público elaborou un prego de condicións para un servizo global de estudos ambientais e de dragaxe para unha treintena de peiraos autonómicos.

En base a este prego, en xuño de 2020, Portos iniciou a licitación para a redacción dos estudos e en febreiro de 2021 formalizouse o contrato adxudicando o servizo por 2,2 millóns de euros e un prazo de execución de tres anos.

 

Outros beneficios: mellora en zoas de marisqueo
Dentro da filosofía de traballo a prol da natureza, son diversos os usos beneficiosos das dragaxes a maiores da recuperación do calado necesario para a operatividade portuaria.

Entre estes beneficios destacan a rexeneración das praias, a alimentación da dinámica do litoral, a mellora en zonas de marisqueo, a creación de áreas de nidificación e cría de aves, a mellora de terreos agrícolas ou recheos para obras portuarias.

O material extraído dos portos de Celeiro-Viveiro e Ribadeo, por exemplo, servíu para rexenerar os areais da praia de Covas (Viveiro) ou San Miguel de Reinante (Barreiros) afectadas polos temporais.

Porto de Meira

As areas que se dragan no Porto moañés, e cuxas características o permiten, empreganse para a rexeneración do banco marisqueiro que se atopa nas inmediacións do porto para que se produza a fixación da semente de berberecho e ameixa que cultiva a confraría de pescadores.