miércoles. 25.11.2020 |
El tiempo
miércoles. 25.11.2020
El tiempo

A Rede Galega de praias sen fume conta con máis de 140 areais e 64 concellos

Nas praias libres de fume non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as terrazas dos chiringuitos. AEP
Nas praias libres de fume non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as terrazas dos chiringuitos. AEP

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, destaca o crecemento xa que en 2016 formaban a lista 26 areais de 19 localidades

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, entregou ao alcalde de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), Jorge Cubela López, o diploma de ouro da Rede Galega de praias sen fume, por formar parte todos os areais do municipio desta rede que se iniciou no ano 2016, partindo dunha iniciativa do Concello de Baiona do ano 2012 e que conta xa con máis de 140 praias e 64 localidades.

Así, Almuiña destacou que nestes momentos a rede está integrada por 141 praias de 64 concellos "continuando coa liña de crecemento de anos anteriores", posto que no 2016 este grupo contaba con 26 areais e 19 localidades.

O conselleiro destacou tamén o número de concellos coa acreditación de ouro, posto que son xa dez con todas as súas praias dentro da rede. Estas localidades son Baiona, Corcubión, Rianxo, Barreiros, A Guarda, Noia, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Dumbría e Cabana de Bergantiños. Ademais, outros 13 contan coa categoría de prata, é dicir, como mínimo, teñen a metade das praias do concello dentro da rede.

"Galicia é pioneira a nivel nacional con esta iniciativa, xa que varias comunidades planifican seguir os nosos pasos e xa Murcia creou o ano pasado a súa rede, Andalucía quere comezar este ano e posiblemente Valencia será a seguinte", subliñou Almuiña, quen engadiu que o obxectivo é "conseguir que, nos próximos anos, todas as praias galegas formen parte da rede".

Esta rede, posta en marcha pola Dirección Xeral de Saúde Pública, conta tamén con localidades galegas non costeiras, xa que ata 29 praias fluviais están integradas.

SENSIBILIZACIÓN SOCIAL. O titular de Sanidade tamén insistiu no "fin educativo e de sensibilización social da rede", xa que é importante "a conduta dos adultos ante os máis pequenos como figuras modélicas que son". "A desnormalización do consumo de tabaco, a actitude da sociedade ante o consumo desta sustancia e a exposición pasiva, son factores determinantes para o inicio á hora de fumar a mocidade", indicou o responsable sanitario.

As últimas cifras indican que en Galicia o 19,7% da poboación é fumadora e o 15,3% dos mozos de entre 16 e 24 anos fuman diariamente. Sobre iso, Almuiña sinalou que é "un obxectivo prioritario do departamento conseguir que estes datos baixen nos próximos anos, aumentando a porcentaxe dos que non se inician no consumo".

A Rede Galega de praias sen fume conta con máis de 140 areais e 64...
comentarios