A réplica á avespa velutina está no aire

A Xunta acelera un proxecto da firma lalinense Aerocámaras baseado en aniquilar avespas asiáticas con drons. Jaime Pereira, ideólogo do proxecto, explica as súas reviravoltas e cre que podería reducirse a praga
Uno dron equipado con una pértiga retrácticl que inyecta veneno en un nido de velutinas. AEROCÁMARAS
photo_camera Un dron equipado cunha pértega retrácticl que inxecta veleno nun niño de velutinas. AEROCÁMARAS

Hai unha serie de privilexiadas especies do reino animal que apenas teñen depredadores. É o caso do tigre, o oso polar, a orca... e a avespa asiática. Só teme ao abelleiro europeo, unha ave cuxa presencia en Galicia non chega de ningunha maneira para facer fronte aos centos de miles de velutinas que sobrevoan cada verán a comunidade. Pero a falta de inimigos naturais, o home pode dar co seu antídoto, unha nova especie que tamén voa, é velenosa e incluso fai un zumbido similar: o dron exterminador de avespas.

A empresa lalinense Aerocámaras é a paradigma de como as novas tecnoloxías poden solucionar novos problemas. A clave está en actuar rápido e de forma eficiente, como fixeron os técnicos desta compañía que emprendeu o seu voo parello ao da avespa asiática en Galicia, hai sete anos. O resultado deste traballo é un dron que accede aos niños de velutinas e, cunha pértega retráctil, inxecta veleno no seu interior, fulminando aos máis de 10.000 exemplares que moran en cada un. De dar coas goridas destes insectos, tarefa difícil ao estar moitas veces camufladas entre a vexetación, encárgase outra aeronave non tripulada equipada con sensores de localización.

O potencial desta peculiar patrulla de depredadores con hélice na loita contra a praga da velutina foi recoñecido pola Xunta, que incluíu este proxecto de Aerocámaras —denominado Drone Velutina 2.0— entre os seis seleccionados no Business Factory Aero (BFAero), o programa de aceleración do sector con maior dotación de apoio económico de Europa, apoiado por multinacionais como Indra e Babcock. Así, a empresa lalinense recibirá do Goberno galego 50.000 euros destinados unicamente ao ámbito dos drones antivelutinas que poderán ampliarse en forma de préstamos.

Para Aerocámaras, a importancia de ser incluída no programa BFAero "vai máis aló do diñeiro". "Que a Xunta confíe en nós é esencial para que o fagan outras comunidades como Castela ou Asturias, onde xa temos mercado, e outros países europeos que tamén sofren a praga das velutinas e onde queremos chegar como son Francia, Bélxica, Alemaña e Portugal", explica a AGN o conselleiro delegado da compañía, o lalinense Jaime Pereira. 

O apoio da Xunta non só é importante polo diñeiro: se eles confían en nós farano tamén outras comunidades e países"

Se a internacionalización é o principal obxectivo de Aerocámaras co seu sistema de drons antivelutinas desde o punto de vista do negocio, desde o técnico éo a implementación da fase de localización de niños, na que están agora mesmo inmersos os técnicos da compañía. E é que mentres que "a tarefa de exterminio está xa totalmente desenvolvida", na de situar as moradas das velutinas aínda quedan cousas por facer. "O sistema de localización baséase nun complexo mecanismo con sensores e un láser escáner que identifica os niños en base á súa forma, textura e cor. Vai facendo varridos por GPS e despois sobe os datos a un software. Cada sensor custa 150.000 euros, polo que só dispomos dun. Aí entra en xogo o financiamento externo", relata Pereira.

LOCALIZAR É CLAVE. Aínda que o culmen de Drone Velutina 2.0 é a exterminación mediante o veleno coa pértega, o CEO de Aerocámaras recalca que "a fase de localización é igual de importante, porque a xente fíxase nos niños que se detectan en contornas habitadas", os cales xeran unha evidente preocupación pola proximidade a persoas, pero o verdadeiro perigo global "está nos miles de niños existentes en áreas despobladas como son as Fragas do Eume ou o Xurés". Nesas paraxes centos de miles de avespas asiáticas campan ás súas anchas e cada ano son máis, polo que é necesario porlle freo. Neste sentido, o obxectivo de Aerocámaras é estudar cos seus drons todas estas zonas, situar os niños e, posteriormente, liquidalos.

[O CEO de Aerocámaras, Javier Pereira]O CEO de Aerocámaras, o lalinense Jaime Pereira. AEROCÁMARAS

LIMPO, RÁPIDO E SEGURO. De completar o proceso encárgase o dron exterminador que inxecta un potente veleno nos niños, que adoitan estar nas árbores. é manexado por un operario, que "ten que ter habilidade na pilotaxe", a unha "distancia prudencial de 00 0 400 metros", explica Pereira, para salvagardar a súa integridade ante as avespas. Ademais, "trátase dun método non contaminante, ao contrario que outros como son os disparos, e moito máis efectivo, xa que morren o 100%" das velutinas alí refuxiadas, concreta o empresario. E calcula que se tarda "entre un minuto e medio e cinco en eliminar cada niño", polo que teñen capacidade para borrar do mapa "entre 10 e 12 ao día" .

É POSIBLE ACABAR CON ELAS? É inevitable exporse se con este método pódese acabar coa praga de velutinas, a pesar de que algúns expertos din que só cabe resignarse a vivir con elas. "Non sei se erradicalas, pero si reducilas moito", afirma Pereira.

Comentarios