Rescatada unha muller que caeu por un desnivel ao río Lagares, en Vigo 

Evacuan o helicóptero a un home que sufriu unha indisposición cando viaxaba nunha furgoneta en Rianxo

Unha muller de avanzada idade foi rescatada polos servizos de urxencia tras caer por un desnivel de catro metros de altura sobre o río Lagares, en Vigo. 

Diso informou o CIAE 112 Galicia, que precisou que o accidente se produciu sobre as 17.25 horas e que a muller tivo que ser trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro. 

Tras recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia mobilizou ao servizo do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Vigo e da Policía Local. 

RIANXO. Este martes, un home tamén tivo que ser evacuado en Rianxo. Un helicóptero medicalizado con base en Santiago trasladouno ao centro hospitalario de referencia tras sufrir unha indisposición mentres viaxaba en furgoneta. 

Segundo explicou o CIAE 112 Galicia, sobre as 16.15 horas varios particulares avisaron de que había un home tendido no chan e inconsciente, á beira dun vehículo que estaba parado no quilómetro 11 da AG-11 e de que varios mozos intentaban reanimalo. 

Ante estes datos, o persoal do 112 Galicia alertou ao servizo do 061-Urxencias Sanitarias, ao equipo de mantemento da autovía, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local. 

O CIAE 112 Galicia informou de que a circulación de vehículos na autovía foi desviada pola saída de Rianxo para que a aeronave mobilizada aterrase no lugar dos feitos. 

Comentarios