Rescatadas dúas persoas tras chocar coa súa embarcación en Pontedeume

A lancha na que navegaban impactou contra unha zona rochosa

Un helicóptero de Salvamento Marítimo rescatou este sábado pola noite a dúas persoas que resultaron feridas leves despois de que a embarcación na que navegaban chocase contra unhas rocas en Pontedeume.

Sucedeu ao fío das 23.15 horas, momento en que unha persoa particular alertaba do ocorrido ao 112 Galicia.

A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Garda Costas de Galicia, á Garda Civil e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Pontedeume, que tamén mobilizou unha embarcación ata a zona onde se atopaban as persoas accidentadas.

Unha vez no punto, a aeronave de Salvamento Marítimo rescatou á tripulación e trasladouna ata o aeroporto de Alvedro, onde foi atendida polo persoal do 061-Urxencias Sanitarias.