Rescatan catro cachorros abandonados nun colector en Vilanova con apenas horas de vida

A Garda Civil de Caldas foi quen atopou en condicións críticas a dous machos e tres femias: unha xa chegou morta ao CAAN de Armenteira
Los cuatro cachorros rescatados en un contenedor de Vilanova. DP
photo_camera Los cuatro cachorros rescatados en un contenedor de Vilanova. DP

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra tenta recuperar desde este pasado sábado a catro cachorros (dous machos, Ares e Ceo, e dúas femias, Terra e Sabela) que foron lanzados a un colector en Vilanova de Arousa con apenas horas de vida. 

Foron axentes da Garda Civil os que atoparon un total de cinco cans (dous machos e tres femias) no interior dun colector no lugar do Monte, na parroquia de Deiro, os trasladaron ás instalacións do CAAN en Armenteira.

Unha das femias xa chegou morta ao centro e o resto atopábanse en situación crítica, con hipotermia e moi débiles. Os veterinarios do CAAN conseguiron estabilizalos e estanos a alimentar con biberón, xa que nestes momentos non hai posibles nais de acollida, como fora o caso de Rula, que aleitou ás dúas cadeliñas tamén arroxadas a un colector en Cuntis e que xa foron adoptadas.

Neste senso, os veterinarios trasladan de noite aos cachorros ao seu propio domicilio para alimentalos cada dúas ou tres horas e, aínda que estes primeiros días seguen sendo cruciais, os cans e cadelas están a reaccionar de xeito positivo.

A Deputación lamenta e condena este novo episodio de maltrato e abandono na provincia propio de persoas "desalmadas". Como salienta a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, "este é un problema que tamén mide a sociedade que somos". A este respecto, hai que lembrar que o CAAN presentou no que vai de ano un total de 27 denuncias por abandono ou maltrato, dun total de 232 expedientes de localización de propietarios.