Complexo rescate dun menor que caeu polo oco dun ascensor no Carballiño

O neno, de 13 anos, estaba consciente no momento do rescate, aínda que o prognóstico é reservado

Rescate do rapaz caído polo oco do ascensor no Carballiño. TVG
photo_camera Rescate do rapaz caído polo oco do ascensor no Carballiño. TVG

Os bombeiros do Carballiño conseguiron rescatar este domingo, coa axuda de Protección Civil e médicos do 061, a un menor que se precipitou polo oco dun ascensor —outras fontes apuntaban a que era o buraco  tapiado dun soto— dun edificio en estrutura no Carballiño. Unha vez liberado do seu cativerio, foi inmediatamente hospitalizado con prognóstico reservado.

Os feitos ocorreron este domingo pola tarde nun edificio próximo á estación de tren do Carballiño cuxo esqueleto quedou abandonado hai aproximadamente unha década. A pesar de que sobre o papel tería que estar perfectamente valado e pechado, alí adoitaban concentrase en ocasións novas adolescentes como Alejandro Hermida, que sen embago este domingo, por causas que se descoñecen, acabou precipitándose por un oco duns 12 metros de altura. A caída foi brutal, pero ao parecer o mozo estivo consciente en todo momento, a pesar das feridas.

Os compañeiros que estaban a xogar con el no lugar alertaron a emerxencias sobre as 18.00 horas e foi entón cando se puxo en marcha todo o operativo, aínda coa traxedia do pequeno Julen na retina de moitos. Os bombeiros e Proteccion Civil armaron un operativo cunha serie de cordas e unha padiola, para poder descender ata o lugar onde xacía Alejandro e inmobilizalo para o seu posterior izado. "Foi complicado polo tamaño do oco", relataban este domingo fontes do dispositivo, máis en concreto de Protección Civil, á Radio Galega.

Finalmente e aínda con luz diúrna —unha das preocupacións dos rescatadores— conseguiron sacar o menor, que foi trasladado de inmediato en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (Chuo), ao parecer consciente, pero cun forte golpe na cabeza e tras perder bastante sangue, segundo a Policía Local. Tamén foi mobilizado un helicóptero medicalizado por se o seu traslado fose máis urxente, aínda que finalmente non se utilizou.

Comentarios