Rescatan a un mozo tras envorcar o seu coche en Tui

En Muros, un home tivo que ser auxiliado por los Servizos de Emerxencias logo de quedar atrapado intentando apagar un lume no seu faiado
Oficina do 112. ARQUIVO
photo_camera Oficina do 112. ARQUIVO

Un mozo necesitou da axuda dos bombeiros para poder saír do vehículo no que quedou atrapado despois de envorcar na PO-404, en Tui.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o coche saíuse da vía nunha curva e foi a parar a unha zona de difícil acceso, que deixou ao ferido sen capacidade para abandonar o turismo.

Ocorreu ao fío das sete desta madrugada, tal e como indicaron os axentes da Policía Local, que contactaron co 112 para dar conta da situación na que se atopaba o único ocupante do vehículo, completamente inmóbil no interior. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros do Porriño para liberar ao mozo e facilitar a atención do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Así, o ferido, unha vez rescatado polos bombeiros, recibiu os primeiros coidados in situ para despois ser evacuado ao centro hospitalario de referencia. 

MUROS. Un home quedou atrapado polo fume dun incendio declarado no faiado da súa casa, en Muros.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o dono da vivenda resultou afectado ao tratar de apagar o lume provocado por unha chispa que saltou mentres realizaban traballos de soldadura. A intensa fumareda impediu que o ferido puidese saír da estancia ata que chegou a Policía Local de Muros. Coa axuda dos axentes, o home puido saír e ser atendido por un equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Presentaba síntomas de intoxicación por inhalación de fume, polo que recibiu os correspondentes coidados no centro de saúde da localidade.

Pola súa parte, os membros do GES de Muros encargáronse da extinción do lume, que calcinou un sofá e roupa almacenada no faiado