Galegos no estranxeiro denuncian que non puideron votar por atrasos burocráticos

Lamentan que a documentación que contén a clave para solicitar o voto rogado chegoulles días despois de vencer o prazo dispoñible
Una persona deposita su papeleta en una urna. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Unha persoa deposita a súa papeleta nunha urna. SALVADOR SAS (EFE)

As dilacións no procedemento administrativo impediron que algúns cidadáns galegos que residen no estranxeiro vaian poder participar nas eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo. É o caso de Paula Sánchez, a quen a documentación para solicitar o voto rogado chegoulle ao seu domicilio en Belfast este mércores a pesar de que o prazo para tramitalo, segundo se explica nos propios papeis, finalizou o día 13 deste mes, é dicir, catro xornadas atrás.

"A verdade é que nunca dan moito marxe, pero esta é a primeira vez que me chegou co prazo vencido", explica esta lucense que leva sete dos seus 32 anos sendo veciña da capital de Irlanda do Norte. De feito, de cara  ás eleccións convocadas para o pasado 5 de abril, logo suspendidas pola pandemia de Covid-19, todo o papelorio chegoulle "ben e en prazo", do mesmo xeito que nos comicios autonómicos de 2016. Con todo, esta vez xa non poderá exercer o seu dereito ao voto.

"É un pouco unha sensación de desamparo: pasou o prazo e non hai máis", lamenta a moza, que incide en que, ademais, trátase dunha cuestión na que ela non ten culpa algunha por neglixencia ou porque estivese ausente en casa e non puidese recoller o envío. 

"Deberían ampliar o prazo para evitar todos estes accidentes", sentenza Sánchez, que engade que non é a única que non poderá expresar a súa opinión política, posto que outra galega fincada en Belfast e orixinaria de Vigo atópase na mesma situación ao non recibir o paquete postal ata o mércores. E noutras partes do Reino Unido tamén se dan casos semellantes, como confirma a mindoniense Vanesa Falcón, residente en Cambridge, a quen tamén lle chegaron os preceptivos documentos fóra de prazo, en concreto este luns.

ANTICUADO. Segundo recorda Sánchez, para que unha persoa reciba a documentación necesaria para votar precisa rexistrarse antes como residente no estranxeiro, un requisito que ela cumpre "desde hai moitos anos". Iso significa que, cada vez que hai eleccións, recibe en casa este escrito no que, fundamentalmente, achéganse as instrucións para pedir o voto rogado, cun contrasinal persoal que debe introducirse nunha web oficial. Unha vez liquidado este paso, envíanse as papeletas electorais por correo ata o seu domicilio e o votante debe logo remitilas por correo.

"O mecanismo de seu non é que sexa moi práctico, se me dera tempo a rogar o voto tiña que sacar foto dos documentos, achegalos ás papeletas, envialos á embaixada para que de alí os manden á xunta electoral... é un pouco antigo", reflexiona a moza, que critica así mesmo a falta de facilidades que se ofrecen, sen un soporte de axuda ou un contacto directo a quen recorrer ante eventuais problemas ou incluso, como neste caso, para presentar reclamacións. "Sempre estamos contrarreloxo e é unha mágoa, porque non estamos alén do mundo", conclúe.

Comentarios