Os restos de Epsilon deixan ondas impresionantes na costa galega

Ondas impresionantes, de ata oito ou nove metros, segundo as previsións, azoutaron este xoves a costa galega, especialmente o litoral A Coruña, en alerta vermella por ondada polos restos da borrasca Epsilon. No resto, é dicir, Lugo e Pontevedra, o aviso é laranxa.

A bravura do mar deixou imaxes de enorme beleza en varios puntos. Na Coruña, na zona de punta Herminia, preto da Torre de Hércules, a auga batía con fiereza contra as rocas. Tamén no porto de Rinlo viron as ondas de cerca coa marea chea.

Co garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta recorda a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, portos, praias, paseos marítimos, e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas.

Comentarios