O reto de pasar no bico dos pés pola vida: 20 consellos de Sogama

A Sociedade Galega do Medio Ambiente propón unha serie de pequenos cambios nas ruínas diarias para aforrar enerxía, alimentos e recursos
Contenedores. DP
photo_camera Colectores. DP

Toda acción ten a súa consecuencia. E partindo desta premisa, a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) acaba de lanzar un manual didáctico cunha vintena de consellos que contribúen a concienciar aos galegos sobre a importancia, precisamente, de medir as súas accións para evitar que desemboquen en consecuencias indeseadas. En concreto, apela á necesidade de rebaixar a pegada ecolóxica humana nun planeta polo que, se se fala de medio ambiente, sempre é mellor pasar no bico dos pés.

O concepto de pegada ecolóxica é unha forma de medir o impacto ambiental do ser humano nos distintos ecosistemas, un indicador ecolóxico clave para medir a sustentabilidade das actividades humanas, avaliando o seu impacto sobre a natureza. De feito, analiza desde grandes agresións como a industria ata pequenos xestos como deixar un cargador de móbil enchufado sen utilizar. Todo, calquera acción, por pequena que sexa, impacta na Terra.

E aí é onde quere indicir precisamente Sogama, nesas pequenas rutinas diarias que, con pequenos cambios, poden supor un gran avance ambiental. A publicación dos consellos neste momento tampouco é casual, xa que Galicia aínda está inmersa en período de rebaixas comerciais e algúns deses consellos oriéntanse, precisamente, a un consumo responsable. E todo para lograr que 2020 sexa un ano "redondo e circular".

Os 20 consellos de Sogama
1. Compra con cabeza. En tempo de rebaixas non se trata de comprar por comprar senón de adquirir o que necesitamos e a un prezo máis alcanzable. Non te deixes levar.

2. Ollo aos caprichos. Realmente necesitas ese obxecto ou esa peza coa que che has encaprichado? É mellor reflexionar e evitar que os impulsos nos guíen.

3. Non acumules cousas. Non acumules aquilo que sabes que non vas usar: outras persoas sacaranlle proveito. Ademais, case todo pode ter unha segunda vida.

4. Aproveita a auga. Cinco minutos de ducha son 100 litros, máis que suficiente. Utiliza reductores de consumo nas billas e usa a auga de cociñar para regar.

5. Aforra enerxía. Sempre que poidas usa lámpadas de baixo consumo, cuxa oferta é cada vez maior e máis alcanzable. E apaga sempre as luces se non estás!

6. Desenchufa todo. Desenchufa os cargadores e non deixes os electrodomésticos en modo stand by xa que seguen consumindo electricidade se están conectados.

7. Temperatura OK. A calefacción non debe superar os 25 graos no inverno e o aire acondicionado non debe baixar de 23 no verán. O resto é malgastar.

8. Camiña ou pedalea. Aparca a preguiza! Camiñar e pedalear para ir ao traballo ou a comprar é bo para a saúde e o planeta. E se non podes, usa transporte público.

9. Comparte coche. Reduce sempre o uso do coche particular ou incluso compárteo con outras persoas para diminuír as emisións de CO2 á atmosfera.

10. Compra ecolóxica. Prioriza a adquisición de artigos producidos baixo criterios ecolóxicos e sociais, e os comercializados a granel. E leva a túa bolsa ao mercado.

11. Mercados locais. Comprar produtos de tempada e en mercados locais reduce o CO2 porque hai menos transporte. E ademais son máis saborosos e sans.

12. Menos procesado. Reduce o consumo de alimentos procesados: requiren grandes cantidades de auga e enerxía para elaborarse e son menos sans.

13. Fai a túa comida. Cociña sempre que poidas porque os pratos precocinados adoitan xerar máis desperdicios, necesitan máis recursos e non son saudables.

14. Non tires alimentos. Malgastar comida ten enormes consecuencias ambientais, económicas e sobre todo sociais: con xente pasando fame é inmoral.

15. Menos embalaxe. Evita aqueles produtos excesivamente embalados con plástico e, se o levan, procura que sexa de material ecolóxico ou biodegradable.

16. Guerra ao plástico. Usar e tirar é cousa do pasado e a lei así o recolle xa. Evita vaixelas e enxoval de plástico e usa botellas de cristal ou termos para as túas bebidas.

17. Fin das palliñas. Sabes que unha palliña tarda centos de anos en desaparecer do planeta? Se as usas, elixe as de papel ou incluso as de materiais comestibles.

18. As tres erres. Ten sempre presente, no teu día a día, o mandamento básico da xestión sostible das tres erres: reduce, reutiliza e recicla.

19. Pensa en circular. Sácalle a máxima rendibilidade aos produtos que utilizas no teu día a día: con pequenos xestos protexerás a contorna e aforrarás diñeiro.

20. Toma conciencia. O consello máis importante de todo é tomar conciencia dunha realidade: toda acción particular ten unha consecuencia para o planeta.

Comentarios