Rifa no Parlamento á conta de Ence

O BNG chama "traidor" ao PP, que lle acusa de querer "destruír emprego" 

Imagen de la factoría desde Lourido. ALBA SOTELO (ADP) - Ence
photo_camera Imaxe da factoría desde Lourido. ALBA SOTELO (ADP)

O pleno do Parlamento de Galicia volveu a acoller un debate sobre a situación de Ence nos terreos de Lourizán, na ría de Pontevedra, o que levou a BNG e PPdeG, a través dos seus representantes no debate e tamén políticos locais desa cidade, a manter unha nova pequena liorta. 

Así, o deputado do Bloque Luís Bará acusou aos populares de "traidores", posto que no seu día defenderon a saída de Ence da ría de Pontevedra e, incluso, chegaron a votar a favor dunha iniciativa parlamentaria que contou coa unanimidade de todos os grupos. Con todo, despois o PPdeG cambiou de opinión e, no debate este martes no Pazo do Hórreo, o parlamentario Jacobo Moreira acusou aos nacionalistas de querer "pechar fábricas e destruír emprego". 

Ademais, para apoiar o seu argumento, Moreira referiuse á situación na que están os traballadores de Alcoa na Coruña, con preaviso de peche da fábrica, para situar ao PP á beira dos traballadores e censurar que, segundo as súas palabras, a política do BNG busca máis "paro" para Galicia. 

A iniciativa, que conta co non do PPdeG e polo tanto será rexeitada polo pleno da Cámara, pedía iniciar o procedemento para a recuperación dos terreos actualmente ocupados pola fábrica, en consonancia coas normativas autonómicas do territorio, e dirixirse ao Goberno central para que revise o acordo do Goberno en funcións de Mariano Rajoy, do 20 de xaneiro de 2016, polo que se prorrogou durante 60 anos a concesión dos terreos á empresa. 

Sobre este punto concreto, Bará tamén discutiu coa deputada socialista Patricia Vilán, á que o parlamentario do BNG pediu "valentía" agora que o PSOE goberna en Madrid para ser "coherente" coa petición de saída da ría da fábrica que este partido mantén en Galicia. 

O BNG presentou unha iniciativa para iniciar o procedemento para a recuperación dos terreos actualmente ocupados pola fábrica en Lourizán

A deputada socialista respondeulle que o requirimento que fixo o Concello de Pontevedra para a reconsideración deste acordo xa foi "contestado de oficio" co silencio administrativo, polo que xustificou que o actual Executivo de Pedro Sánchez non responda agora a esta petición. "¡Non existe!", exclamou a deputada para apoiar este posicionamento. 

Bará, que recordou na súa intervención as mobilizacións sociais que piden a saída de Ence da ría, advertiu de que a fábrica é lugar de portas "giratorias" e que esa é a "verdadeira peste" de Ence. Así, acusou o profeta da postverdad", en referencia ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de mentir "e traizoar" aos pontevedreses ao non cumprir coa promesa de traballar para a saída de Ence en 2018. 

"Agora tócalle actuar ao Goberno socialista, xa nos está tardando", advertiu, a continuación, á deputada Patricia Vilán, a quen lle dixo que o Executivo central "pode facer de oficio" a revisión da prórroga da fábrica. 

Vilán, que viu "excesivamente belixerante" ao deputado nacionalista, tamén sacou a colación que Feijóo "votou" na mesma unanimidade que "Ence saíse da ría antes do ano 2018". O deputado popular Jacobo Moreira defendeu que houbo un cambio lexislativo (en 2013, con Mariano Rajoy) que cambiou a lexislación e que, polo tanto, permitiu a continuidade de Ence nos actuais terreos, de maneira que xustificou así o cambio de postura da súa formación política. 

Ademais, asegurou que a normativa autonómica (directrices do territorio e plan do litoral) deben cumprirse cando Ence salga da ría, é dicir, "cando os terreos queden baleiros" e non como dixo o BNG —asegurou— neste momento (o que implicaría rexenerar e recuperar medioambientalmente os terreos 'ocupados' ao mar neste momento). 

No debate tamén participou o deputado de En Marea Marcos Cal, tamén dirixente local que acusou o Goberno de M. "Rajoy, expulsado do seu cargo pola corrupción sistémica" do seu partido de regalar "60 anos máis a custo cero, sen contraprestación" os terreos á empresa. Ademais, advertiu de que á empresa "non lle tremeu o pulso para despedir a decenas de traballadores" tras conseguir a prórroga, mentres que o PP "que usa a arma dos traballadores, non dixo nin pío" cando ocorreu. 

Jacobo Moreira sacou a colación que durante o bipartito déuselle autorización ambiental á empresa para continuar a súa actividade e lamentou que "xusto estes días" que se está abordando o perigo para 400 postos de traballo en Alcoa, propóñase "o peche dunha fábrica" que garantiu a súa "continuidade". "¿Cal é a política industrial do BNG en Galicia?", preguntouse o político popular. 

Bará reprochoulle que "o mesmo Moreira no ano 2015" pedíalle ao Goberno "'por favor, sáquenos de aquí a fábrica'" e que "fose sensible con Pontevedra". "¡Que caradura e traidor!", arremeteu o deputado nacionalista contra os populares.

Comentarios