Rosa Quintana anuncia unha campaña informativa sobre o parasito do anisakis

A Xunta pretende transmitir aos consumidores unha mensaxe de tranquilidade, evitando así o descenso no consumo e o prezo do peixe

Rosa Quintana. AEP
photo_camera Rosa Quintana. AEP

A Xunta ultima unha campaña informativa entre os consumidores sobre o parasito do anisakis, segundo informou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita á lonxa da Coruña. 

En declaracións aos xornalistas, explicou que xa trasladou ao Ministerio de Agricultura e Pesca a conveniencia de levar a cabo unha iniciativa deste tipo ante a alarma xerada entre os consumidores e "a preocupación" no sector pola repercusión que isto está a ter no consumo. 

No caso da comunidade autónoma galega, avanzou que en breve, "quizais a próxima semana ou a seguinte", levará a cabo unha campaña de información ao consumidor para que saiban "que se se consome o peixe como se consumiu toda a vida aquí en Galicia, non hai ningún problema". 

Rosa Quintana: "Se se consome o peixe como se consumiu toda a vida aquí en Galicia, non hai ningún problema"

A campaña busca, segundo precisou, evitar o descenso de consumo de peixe e do seu prezo, especialmente da pescada, ante a alarma que este parasito está a xerar.

MENSAXE DE TRANQUILIDADE. Neste sentido, fixo fincapé en que a existencia do mesmo non supón unha novidade en Galicia. "Eu, que son bióloga, xa nos anos 80 facía análise do contido de anisakis na pescada", precisou a conselleira, quen incidiu en que non hai "alteracións á saúde" se se consome "ben cocido, ben guisado". 

A campaña prevista pola Xunta comprenderá mensaxes sobre que é o anisakis e como evitar regas, á vez que incorporará mensaxes de tranquilidade facendo fincapé no feito de que o consumo de peixe é seguro se se adquire polas canles legais de comercialización e se cumpren as recomendacións sobre a súa manipulación. 

Comentarios